BNG critica a pinza PP-PSOE na Eurocámara para pechar as denuncias sobre a contaminación nas minas de Alberta I e Varilongo

Miranda mina san Finx
Miranda mina san Finx
Ana Miranda: “O ecopostureo das empresas extractivas sáelle moi caro a Galiza, coa destrución dos sectores produtivos”

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, censura a decisión de PP e PSOE, na Comisión de Peticións da Eurocámara, de pechar as denuncias presentadas por diversos colectivos ecoloxistas referidas as minas de Santa Comba e Alberta I. “Lamentablemente, o ecopostureo no que se empeñan as empresas extractivas sáelle moi caro a Galiza, coa destrución dos sectores produtivos, sen esquecer o deterioro medioambiental”, subliña.

“É tremendamente grave o incumprimento sistémico de diversas directivas europeas por parte dos proxectos mineiros, tal e como denunciou na súa intervención Joam Evans”, afirma Ana Miranda, en referencia á continua fragmentación dos proxectos, a falta de avaliación ambiental e as trabas para a participación da cidadanía. Segundo reiterou, cómpre frear calquera actuación que poña en perigo o medio ambiente e outros medios de vida. “Non podemos agardar a que as consecuencias sexan irreversibles”, subliñou, ao tempo que considerou unha boa nova que a petición sobre a mina de San Finx siga aberta, no que tivo un papel relevante a deputada do grupo Verdes-ALE Tatjana Zdanoka.

Por outro lado, a portavoz do BNG en Europa salientou a relevancia de que acadar que Comisión de Peticións acollera unha audición sobre a megaminería contaminante, dados os efectos que destas explotacións. Ademais das intervencións das deputadas do grupo Verdes-ALE, Anna Cavazzini -que indicou que nas zonas naturais protexidas a minería debe ser prohibida-, e Margrete Auken –que defendeu o cumprimento do Convenio de Aarhus sobre participación pública e información ambiental-, Ana Miranda resaltou as intervencións dos investigadores Steven Emmerman e Alexander Dunlap.

Sen seguridade mineira na UE

Steven Emmerman, referencia mundial da análise da minería, asegurou na súa exposición que non é certo que haxa seguridade mineira na UE e citou como exemplo as minas de San Finx. Ao respecto sinalou que a mostraxe que se fixo nesta explotación “non é seria nin suficiente pois non se puideron calcular os niveis de impacto de cadmio, cobre e zinc no marisqueo”. 

Pola súa banda, o investigador da Universidade de Oslo Alexander Dunlap criticou que a demanda de mineral mundial fai que se lance a chamada "imposición extractiva", é dicir, proxectos mineiros con cantos de serea de postos de traballo que sacrifican ecosistemas e violan dereitos básicos como o da participación pública. Neste sentido, citou as manobras da empresa da mina de Touro, baseadas en propaganda para a aceptación do proxecto e cualificounas como exemplo de ecopostureo. Esta falta de participación tamén foi criticada pola representante de Ecoloxistas en Acción, Elena Solís. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG