O BNG critica a normalidade coa que o PP asume o déficit de pediatras na sanidade pública

Comisión alternativa de sanidade
Comisión alternativa de sanidade

As profesionais que compareceron na comisión alternativa atribúen o déficit á falta de planificación, carencia de prazas e á precariedade laboral

Terceira sesión da comisión alternativa sobre a situación da sanidade pública na que as comparecentes coincidiron en denunciar a falta de pediatras, tanto en atención primaria como hospitalaria, de tal xeito que non está garantido que os e as menores sexan atendidos por especialistas en lugar de por

Facultativos de familia.

Unha situación que a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, considera moi grave, en particular “a normalidade coa que se asume que os nenos e as nenas non sexan atendidos por especialistas xa que a atención pediátrica non consiste na medicina xeral aplicada a menores. Parece que non pasa nada e o PP mesmo traslada a idea de que é un luxo que non nos podemos permitir”.

Prado responsabiliza ao Goberno de Feixóo de “falta de planificación”, que se arrastra desde fai dúas décadas, e da “precariedade” nas condicións de traballo nesta especialización, cuestións que a deputada enmarca dentro da estratexia xeral  do PP “de deteriorar a sanidade pública en beneficio da privada”.

De feito, os plans de recursos de persoal do SERGAS advertían do envellecemento do cadro de persoal e das xubilacións tamén en pediatría, que se podían ter previsto e solucionado, alegou a deputada, quen agradeceu a información “a pé de obra” e desde a experiencia das comparecentes, Encina Gallego, médica pediatra en atención primaria e Marian Rodríguez, especialista pediatra no Hospital do Barbanza.

Ambas coincidiron en recalcar o déficit de pediatras. “Falta persoal en pediatría” ou “non hai pediatras suficientes desde hai vinte anos” foron algunhas das afirmación expresadas na comisión alternativa polas comparecentes, que tamén coincidiron en destacar a importancia de que as menores reciban atención especializada.

A ausencia de planificación por parte do SERGAS, a falta de convocatoria de prazas de especialización pediátrica suficientes e unhas condicións laborais marcadas pola precariedade son as causas deste déficit.

Entre os datos aportados polas comparecentes: Profesionais desta especialidade que prestan os seus servizos en centros hospitalarios asinando contratos mensuais durante períodos que pode abarcar até cinco anos, convocatorias de prazas moi por debaixo das necesidades reais de tal xeito que, só nos últimos catro anos, 175 especialistas saíron do sistema por xubilación pero durante ese período o SERGAS só convocou 96 prazas.

A situación é peor na atención primaria e nos hospitais comarcais de menor tamaño, nos que apenas se ofertan prazas pese a ter un cadro de persoal mínimo. Por exemplo, o Hospital do Barco que só conta cun pediatra que asina contratos mes a mes, e as substitucións se fan con persoal do Hospital de Ourense.

A continuidade asistencial para os nenos e as nenas nestas condicións non está garantida e, citaron as comparecentes, un neno diabético do Barco ten que moverse dúas horas para controlar unha doenza que podería ser perfectamente controlada desde o Hospital do Barco se existiran suficiente persoal pediátrico.

Prado agradeceu en nome do BNG as testemuñas das dúas comparecentes cuxas explicacións e denuncias “reafirman a importancia desta comisión alternativa” e criticou que Feixóo e o PP reaccionen a estas declaracións “tentando desacreditar as persoas profesionais” en lugar de rectificar a súa política de derribo da sanidade pública.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG