O BNG critica a negativa do PP a entregar ao concello de Carnota as obras de saneamento

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará lembra que as obras levan máis dunha década de retraso

O BNG critica a negativa do PP a entregar ao concello de Carnota as obras de saneamento

O portavoz parlamentario de infraestruturas, Luís Bará, reclamou na Cámara que a Xunta entregue de inmediato ao concello de Carnota as obras da rede de saneamento do lugar do Pindo, feitas as reparacións oportunas no caso de que os anos de retraso provocaran desperfectos e infiltracións de augas mariñas na infraestrutura. Ao mesmo tempo, o deputado nacionalista tamén demandou que se axilice o proxecto para a dotación da rede de saneamento no lugar de Lariño, igualmente neste municipio.

Neste sentido, Bará fixo referencia ao longo retraso acumulado nas obras de saneamento na localidade do Pindo, o que deriva nun problema de saúde pública, ambiental e mesmo de imaxe nun municipio que ten unha gran actividade turística pois conta con dous dos reclamos do patrimonio natural máis importantes e valiosos de Galiza como é a fervenza do Ézaro e o Monte Pindo.

Desde 2005 en que se redactou o proxecto para mellorar a rede de saneamento, as obras foron un suma e segue de obstáculos e problemas, mesmo coa creba da empresa contratada.

A día de hoxe e, seis meses despois da última data prevista para a finalización das obras, estas seguen sen terse entregado ao Concello, para que desde a corporación municipal que preside o rexedor Ramón Noceda “se poda comezar a enganchar os domicilios particulares e os puntos de vertido problemáticos”, tendo en conta as graves afectacións mesmo a lugares referencias do municipio como a Praia de San Pedro.

O BNG é consciente da complexidade orográfica da costa pero o proxecto de saneamento do Ézaro e do Pindo está licitado por Augas de Galiza desde 2008, e tras dez anos as obras seguen sen rematar coas graves consecuencias sanitarias e ambientais e tamén de impacto en relación ao turismo. Bará reiterou a demanda de que finalicen as obras para arranxar o problema de saneamento no Concello de Carnota, como demanda o goberno local e a veciñanza.