BNG critica a lentitude na convocatoria e pago das subvencións ás asociacións de comerciantes para dinamizar os centros comerciais e prazas de abastos

Carmela González
Carmela González
Carmela González acusa ao conselleiro Francisco Conde do desleixo da Dirección xeral de Comercio e pide  axilidade para as  vindeiras convocatorias

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Carmela González criticou a lentitude da Consellería de Economía na convocatoria e abonos das  subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

A deputada explicou que as  subvencións  teñen como obxectivo contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico,  pero foron “convocadas tarde” e despois de meses concedidas comezaron hoxe a pagarse. Foron convocadas o 28 de xullo e 10 de agosto cando tiñan que ser convocadas no mes de xaneiro para desenvolver as actividades en prazo e xustificar os gastos no mes de outubro, pero foi precisamente  o día 19 de outubro cando reciben a comunicación  da resolución da convocatoria e  obriga de formalizar o gasto, antes do 30 de outubro.,

A xuízo da deputada, a Xunta debe  aprender dos erros e convocar estas axudas no próximo mes de decembro para que sexan resoltas a inicio de ano e poidan desenvolver as actividades ao longo de todo ano. Por outra parte, preguntou se será incrementada a partida orzamentaria, “conxelada dende hai anos” e claramente insuficiente.

Tras a resposta do conselleiro de Economía e empresas, Francisco Conde, a nacionalista reiterou que moitas das entidades non puideron desenvolver a actividade por carecer de efectivo e lembrou que son asociacións sen fins de lucro, e na actual  situación de crise económica “non van sobrados de efectivo.”

A deputada afeou a intervención do conselleiro por “presumir de iniciativas”  destinadas á recuperación económica do comercio galego cando en realidade, “a Xunta o está sentenciando a morte”. O director xeral de Comercio despois dun ano nesta responsabilidade “non deu una”. Os procedementos xa eran coñecidos e aínda así “convocou tarde, tramitou tarde, resolveu tarde e xa veremos como serán os pagos”, subliñou.

O goberno do PP na Xunta de Galicia abandonou a súa sorte ao comercio galego e agora anuncian que haberá unha importante aportación económica a finais de novembro pero estamos case rematando o ano e os abonos aínda non chegaron aos petos das asociacións e federacións, onde deberían estar dende principios de ano, reiterou Carmela González.

“Tomen nota do acontecido e non repitan os mesmos erros o ano que vén porque o comercio galego esmorece e precisa dunha importante reanimación económica”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG