O BNG critica o intento de PP e PSOE de converter o Parlamento no escenario das liortas Feixóo-Caballero

Montse Prado e Olalla Rodil
Montse Prado e Olalla Rodil
“O problema non é mudar un acólito político por outra senón a falta de solucións aos problemas de Vigo, que soporta unha confrontación estéril”, denuncia Rodil

O BNG criticou o empeño de PP e PSOE de trasladar ao Parlamento o “estéril enfrontamento” que manteñen o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, nesta ocasión a costa do nomeamento de Corina Porro como delegada do Goberno en Pontevedra.

“Pero de verdade alguén pensa que o problema de Vigo é que Feixóo cambie un acólito político por outra, pensa alguén que foi menos político o nomeamento no seu día do delegado da Xunta en Lugo, -José Manuel Balseiro-, que o que se ven de facer agora en Pontevedra?”, interpelaba a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “o problema é a política que a Xunta practica en Vigo e no resto do país, o problema é o uso que PP e PSOE fan desta cidade como arma arreboladiza en vez de aportar solucións ás cuestións urxentes da cidade”.

Rodil destacou a relevancia do papel institucional da Deputación permanente, órgano de dirección parlamentario entre períodos de sesións: “está para debater sobre cuestións de interese para o país pero non está para converter a Cámara nun escenario no que reproducir o pim-pam-pum ao que nos teñen acostumados o alcalde de Vigo e o presidente da Xunta, o Parlamento non está para repetir esa pelexa de galos”.

De aí a abstención do BNG, “para non trasladar á Cámara unha confrontación permanente e estéril para a veciñanza de Vigo porque non resolve as moitas urxencias e necesidades concretas que ten a cidade, porque esa pelexa de egos non vai desbloquear a área metropolitana, nin elaborar o necesario mapa escolar ou a construción dun IES no barrio de Navia, nin vai resolver os problemas da sanidade pública na cidade nin garantir as prazas públicas de escolas infantís ou de centros de día para residencias de maiores”, concluíu Rodil.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG