O BNG critica a improvisación do PP ao deixar na meteoroloxía a súa principal política anti-incendios

FOTO Olalla Rodil Viceportavoz BNG
FOTO Olalla Rodil Viceportavoz BNG

Olalla Rodil acusa á Xunta de “non aprender nada” da vaga de lumes do 2017 e incorrer no erro de demorar até setembro o desbroce das franxas de protección

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil  cualificou de “grave irresponsabilidade da Xunta” demorar até o mes de setembro o desbroce das franxas de protección contra os incendios. Para a deputada nacionalista, a “Xunta non tomou nota nin aprendeu nada das consecuencias dos lumes  rexistrados en   Galiza o ano pasado”. Unha vaga de lumes, explica Rodil  que provocou graves consecuencias nos concellos galegos  nos que moitos veciños e veciñas perderon as súas propiedades e modo de vida ademais  do importante dano ambiental. 

A parlamentaria afirma que “os traballos de prevención deberían terse realizado antes de se iniciar a temporada de alto risco. “É evidente que a Xunta non aprendeu nada da vaga de incendios de 2017 e actúa de maneira absolutamente irresponsábel”.

Rodil manifesta que a Xunta incumpre os prazos que ela mesma fixou no PLADIGA e que situaba o 31 de maio como data límite para levar a cabo o desbroce das franxas de protección a 50 metros das casas e núcleos de poboación e cualifica de  “escandaloso” que a propia conselleira de Medio Rural  anuncie  que SEAGA non comezará os desbroces nas franxas de seguridade até o mes de setembro cando a temporada de alto risco de incendios comeza o 1 de xullo. Para o BNG,  isto confirma que “a Xunta de Feijóo non aprendeu nada  e que o Goberno do Partido Popular actúa de xeito totalmente improvisado”, afirma. 

Actuación irresponsable

O Goberno galego actúa “mal, tarde e de maneira irresponsable”  e lembra que  no mes de maio  o BNG advertiu  da falta de recursos dos concellos para limpar as franxas de seguridade e o abandono que a Xunta estaba a facer das súas obrigas en materia de prevención de incendios. Os incendios constitúen un enorme problema ambiental que afecta directamente á seguridade das persoas e  as franxas de protección deben ser “unha prioridade para a Xunta” pero constatamos que os feitos evidencian todo o contrario.

O PP non pode deixar ao albur das condicións meteorolóxicas a súa principal política anti-incendios. O que precisamos en Galiza é “un goberno á altura do problema ambiental que supoñen os incendios e que afecta  á seguridade das persoas como lamentablemente puidemos comprobar, unha vez máis , no mes de outubro do ano pasado. Resulta “inadmisible” que despois do acontecido a Xunta demore para despois do verán  os principais traballos para a prevención  de limpeza 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG