O BNG critica a ignorancia e a falta de implicación da Xunta na preservación do equino garrano

Rivas destaca o papel de preservación ambiental desta especie autóctona: “Deberían incluílos  non servizo de extinción de incendios”

 

Santiago de Compostela, 28 de  Marzo 2019.-  O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, defendeu no Parlamento medidas de protección do equino garrano, unha especie autóctona que vive nas serras do norte de Galiza onde desenvolve un papel de gran valor na conservación de ecosistemas como os do monte Gañidoiro ou Cadramón.

Este animal, a diferencia do cabalo que precisa pastos, aliméntase de toxo e brezo, retirando mato do monte contribuíndo a súa limpeza e polo tanto a evitar a aparición de lumes. “Deberían incluílos como parte do servizo de extinción de incendios”, destacou Rivas para salientar o papel deste equino que, sen embargo, é totalmente descoñecido e non está protexido desde a Administración.

“Aínda que só fose para visualizar que hai unha animal que se chama garrano xa cumprimos, un equino de raza autóctona que habita os montes que mantén as turbas de superficie. Un equino preparado para vivir no monte que se alimenta de toxo e brezo,  un animal que debemos protexer porque é único no mundo”, explicou o deputado pola Coruña.

Habitan as serras do Cadrañón, de Gañidoira onde conviven con gando vacún salvaxe ou semi-salvaxe e onde o lobo fai grandes estragos. “A consellería négase a pagar os danos alegando a imposibilidade de contar os exemplares afectados pero non  é posible pedirlles aos besteiros que percorran cada día centos de hectáreas para que computen as baixas, iso é inviable e réndense á hora de solicitar axudas”, alegou.

“A perda deses equinos que non son compensadas non poden ser repostas polo besteiro, cando a Xunta debería contribuír a preservar un ecosistema do que esta especie é elemento fundamental, un ecosistema que se concentra sobre todo no norte das provincias da Coruña e Lugo. “É un patrimonio natural de primeira orde digno de protexer”, indicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG