O BNG critica a concesión das Medallas de Galiza 2018 a tres persoas que non representan ao país

Medallas Galicia
Medallas Galicia

Casas e Bereijo negan o carácter nacional de Galiza e González Rivas é autor dun voto particular en contra da Lei de matrimonio homosexual

O BNG expresa a súa rotunda oposición á concesión das Medallas de Galiza que aprobará mañá o Consello da Xunta, por considerar que as tres persoas ás que Feixóo quere distinguir con ese recoñecemento non representan ao país senón todo o contrario.

De feito, a maxistrada María Emilia Casas e os maxistrados Juan José González e Álvaro Rodríguez Bereijo mesmo negan o carácter de Galiza como nación e tamén se teñen destacado en contra da igualdade de dereitos, discriminando por razón da orientación sexual, e iso desde un cargo de tanta relevancia no ordenamento xurídico español como a Presidencia do Tribunal Constitucional.

En concreto, Casas presidía o alto tribunal e foi poñente da sentenza que anulaba unha parte substancial do Estatut en 2010, tachando de inconstitucionais 14 dos seus artigos nun fallo que recalcaba a “indisoluble unidade de España” negando de facto o carácter de nación das nacionalidades históricas como Galiza. Criterio tamén expresado por Rodríguez Bereijo cando se declara en contra da plurinacionalidade do Estado español.

Pola súa parte, o maxistrado González Rivas foi autor do voto particular en contra da Lei de matrimonios homosexuais que legalizaba as unións entre persoas do mesmo sexo, por considerar que “desnaturalizan” a institución do matrimonio.

Con este currículo, o BNG considera que ningunha destas tres persoas merece ser distinguida coa Medalla de Galiza, máxime cando o recoñecemento leva o nome da nación galega, a quen non representan e que, ademais, negan. Para a formación que lidera Ana Pontón trátase de tres nomeamentos que responden ao perfil ideolóxico máis rancio da dereita e do PP, pero que están nas antípodas do que é o sentir maioritario da sociedade galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG