parlamento galego

BNG cree insuficientes os cambios incorporados á Lei de Acción Exterior que segue mantendo a súa “autolimitación”

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará rexeita un texto que conserva unha visión tutelada e subordinada a Madrid en vez de desenvolver o potencial propio do país  

BNG vén de rexeitar no Parlamento galego o informe da ponencia sobre o proxecto de lei reguladora de acción exterior e cooperación de Galiza dado que, pese ás modificacións incorporadas ao texto inicial presentado pola Xunta, segue a manter a visión “tutelada e domesticada da acción exterior do país”.

Así o manifestou o deputado Luís Bará, logo de facer explícitas as enormes discrepancias do Bloque cunha norma que conserva a súa concepción “autolimitada” inicial e a súa “subordinación e submisión a Madrid”. “Unha reiterada dependencia e unha submisión á Lei Exterior estatal da etapa do Goberno do PP que tiña precisamente esa finalidade: meter en cintura as posibilidades de acción exterior das distintas nacións”, explicou.   

Así mesmo, reprochou ao Executivo galego que estamos ante unha “lei da Xunta pero non de Galiza e debería ser as dúas cousas”, aludindo á renuncia de englobar e concertar “dunha maneira ambiciosa toda a acción exterior posible de todas as administracións e entidades que traballan neste ámbito”. Neste sentido, denunciou o que definiu como “algo xa recorrente”: o veto do PP á participación. “Pedimos un trámite de audiencia de 10 persoas expertas e colectivos implicados na acción exterior que podían enriquecer e mellorar o proxecto de lei e vostedes vetaron esta posibilidade pese a que é un trámite previsto no regulamento”, recriminou.   

Bará tamén criticou a falta de planificación e ordenación no proxecto de lei e a ausencia de instrumentos eficaces para facelo posible. Así, lembrou as propostas do BNG para crear unha marca país que servira de escaparate para a acción exterior galega dun xeito integral, a dotación deste ámbito competencial con rango de Secretaría Xeral no Executivo galego para acometer precisamente esa acción global, o desenvolvemento das delegacións no exterior ou a creación de novos instrumentos como o Observatorio da Lusofonía ou o Instituto Rosalía de Castro (para a promoción internacional da cultura galega). Propostas todas elas, rexeitadas polo PP.

No relativo concretamente á lusofonía, o deputado nacionalista recriminou ao Goberno de Feixóo que traizoara o acordo por unanimidade do Parlamento galego de 2018 para que Galiza se incorporara á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). “E vostedes instaron ao Estado para que fose España quen se integrase na CPLP e non Galiza como se acordara nesta Cámara, algo moi grave”, recalcou con severidade.

Como consecuencia de todo o exposto, Bará concluíu que esta “é unha lei de mínimos, dunha rexión que pide permiso a Madrid e nós queremos unha lei de máximos, dun país que quere estar coa súa voz propia no mundo e que pode estalo con moito máis potencial que o que marca esta lei”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG