O BNG convoca o Día da Patria, “aberto a todas as persoas que queren un cambio de rumbo para Galiza”

Reunión do Consello Nacional
Reunión do Consello Nacional

Ana Pontón reafirma que o nacionalismo “é a mellor ferramenta para construír un proxecto de país compartido que deixe atrás os agravios e as desigualdades”

O BNG arranca os preparativos para a celebración do Día da Patria e lanza unha convocatoria aberta a todas as persoas que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “levan Galiza no corazón e senten que o noso país merece un futuro mellor”.

Na súa intervención ante o Consello Nacional,  definiu o chamamento para o 25 de Xullo como “a convocatoria de todos os galegos e galegas que queren darlle un cambio de rumbo a Galiza, unha convocatoria aberta que quere recoller todas as loitas e na que caben toda as causas xustas, unha convocatoria para deixar claro que Galiza é unha nación que reclama o seu lugar no concerto dos pobos”.  

Pontón, ante o máximo órgano de dirección entre asembleas, reafirmou que o nacionalismo é a “mellor alternativa para conseguir un país próspero”. “Representamos a rebeldía e o inconformismo fronte a un modelo institucional e económico que nos discrimina e nos empobrece. O nacionalismo é a mellor ferramenta que temos como pobo para construírmos un novo proxecto de país que deixe atrás recortes, agravios, paro, precariedade e desigualdades”.

Pontón avanzou que o BNG vai facer un esforzo de mobilización de todos os sectores, colectivos e persoas que, a título individual ou colectivo, queiran “un cambio real para a sociedade galega”. “O Día da Patria é a festa de todos os galegos e galegas”, subliñou a portavoz nacional, “unha boa ocasión para nos mostrar unidos como pobo e con vontade de avanzarmos cara unha Galiza que ofreza oportunidades e nos devolva a confianza no futuro”.

Neste sentido, Pontón convidou “a encher as rúas de Compostela e a Praza da Quintana” como demostración dunha “sociedade viva que emerxe para rebelarse contra a discriminación do Estado nun momento no que Galiza está desaparecida do debate estatal”.

De feito, entre os actos previos ao 25 de Xullo, avanzou que o BNG vai presentar unha campaña de denuncia do agravio tendo en conta que é “urxente” crear unha axenda galega que nos volva colocar no tren das nacións e que sitúe os grandes retos do país como prioridades de Estado: AVE, transferencia AP9, tarifa eléctrica, novo modelo de financiamento, entre outros.

“Galiza esta ausente, e volveu quedar claro no debate da moción de censura”, resaltou Pontón,  “cada día é máis clara a necesidade de forzas políticas propias, sen máis obediencia que defender os intereses deste pobo sen supeditación a ningunha estratexia deseñada desde Madrid”. 

Ecuador municipal

Pontón aproveitou o ecuador dos mandatos municipais para facer balance dos gobernos locais liderados polo BNG, exemplos de transformación e capaces de mellorar a vida das persoas.

“Temos un bo facer acumulado, con vilas e cidades referentes de boa xestión, de progreso e benestar social, referentes urbanísticos dentro e fora do país, paradigmas de gobernos transparentes, de portas abertas e libres de corrupción”, salientou.

Nas antípodas, o PP “facendo do transfuguismo a súa gran estratexia cara as municipais, como vimos en Sanxenxo co regreso da figura do alcalde-promotor, conseguindo en escuras negociacións de despachos o que non lle deron as urnas. Esa é a carta de navegación de Feijóo de cara a próxima cita electoral”, denunciou.

O BNG, que terá designados candidatos e candidatas no prazo máximo dun ano, segue traballando no “reto” dos comicios locais, “porque a Galiza coa que soñamos debúxase xa nos gobernos municipais como garantía de cambio real a favor da maioría social”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG