O BNG continuará, ata o 25N, coa campaña para lograr un Xulgado Específico de Violencia de Xénero en Lugo

Olalla Rodil en Lugo
Olalla Rodil en Lugo

 Este xulgado debería ter un ámbito provincial e atender, con persoal especializado, todos os casos dos concellos lucenses

“En 2016, na provincia de Lugo, 671 mulleres denunciaron casos de violencia machista, case dúas ao día” sinalou Olalla Rodil

O BNG continuará coa campaña de recollida de sinaturas para reivindicar a creación dun xulgado específico de violencia de xénero para Lugo. “É unha demanda histórica do BNG non só na cidade senón no conxunto das comarcas que se insiren na provincia” así o explicaron Olalla Rodil, parlamentaria do BNG, e Maite Ferreiro, edil do BNG no concello de Lugo. “É unha demanda que partiu de diferentes colectivos de mulleres” explicou Rodil e dixo que “poderemos recoller apoios para esta iniciativa mais tamén socializar entre a veciñanza a importancia de contarmos con maiores recursos xudiciais, tanto humanos, materiais como económicos, na loita contra a violencia machista”.

Pola súa banda Maite Ferreiro sinalou como son moitos os estamento que traballan directamente coas vítimas de violencia de xénero que se levan manifestado publicamente a favor da creación dun xulgado específico de violencia de xénero “profesionais relacionados coa xudicatura, a avogacía e as forzas de seguridade recoñecen a necesidade de contar cun xulgado que dispoña de persoal debidamente formado e que poidan atender este tipo de casos que teñen características moi singulares”.

En 2016, segundo os datos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo 671 mulleres denunciaron casos de violencia machista, case dúas ao día. No conxunto do país presentáronse 5.683 demandas. O número máis elevado desde 2010 e case 500 denuncias máis que en 2015. “Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade” afirmou Rodil.

As nacionalistas explicaron que o BNG leva presentado varias iniciativas instando ao goberno central e ao goberno da Xunta para que se cree en Lugo o xulgado específico de violencia de xénero. A corporación do concello de Lugo aprobou unha proposición por unanimidade, nestes mesmo senso, na sesión do mes de febreiro de 2016. Dende o BNG lamentaron que o goberno da Xunta, nunha das súas primeiras decisións políticas deste mandato, deixara a Lugo sen ningún novo xulgado mentres que si se asignaron ás outras provincias galegas. “A proposta que defendemos suporía comarcalizar este servizo e que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia” dixo a parlamentaria Olalla Rodil. Neste momento non existe unha quenda específica de turno de oficio con profesionais para atender este tipo de casos.

Este xulgado terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. Maite Ferreiro precisou que “aínda que esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial, ten que ser a Xunta de Galiza quen faga as xestións necesarias para que esto sexa posible e é fundamental o apoio das administracións locais”. A edil nacionalista lembrou as disparatadas cifras dos casos de violencia de xénero.

Unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Segundo informou Olalla Rodil este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo. Neste momento é o xulgado de instrución nº3 é o que se encarga en Lugo deste tipo de casos aínda que a adxudicación da praza de xuíz foi por orde de traslado pero non se considerou a súa formación neste tema.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG