O BNG consigue que o concello da Rúa teña unha motobomba logo de pedila durante 10 anos

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

A proposta defendida polo deputado do BNG, Xosé Luís Rivas  acadou o apoio unánime da Comisión de Agricultura e Montes

O BNG, a través dunha proposición non de lei defendida polo deputado, Xosé Luís Rivas acadou hoxe na comisión de Agricultura e Montes  un acordo unánime para dotar  ao concello da Rúa dunha motobomba contra a extinción de incendios.

Rivas lembrou que o concello leva dez anos agardando pola substitución da vella motobomba da que  dixo, “non ten posible reparación e  fai urxente que o concello conte cunha nova”. Estamos falando, dixo, dun concello situado nunha provincia cunhas condicións climáticas extremas agravadas polo abandono que incide moi negativamente na proliferación de lumes como puidemos constatar durante o ano pasado pero tamén nos anteriores.

O deputado explicou que a proposta nacionalista reclama unha motobomba en condicións óptimas para o seu uso e non a que se lles ofrece, “motobomba con máis de 10 anos, estragada e cunhas  reparacións que deben ser asumidas  propio concello” polo que mostrou a súa satisfacción ante o acordo de todas as forzas políticas para dotar ao concello da Rúa dunha motobomba “nas condicións que precisa”.

O concello da Rúa, engadiu, está situado no distrito 13, nunha zona privilexiada e moi próximo ao Barco, a Larouco,  ao Bolo, a  Petín, a  Rubiá e Vilamartín de Valdeorras e no caso de auxilio está nun punto estratéxico. A dotación dunha motobomba nova tamén resulta estratéxica para  enfrontarse aos lumes nestes concellos.

Rivas criticou que no ano 2017 foran entregadas motobombas a concellos “amigos do Partido popular” mentres o concello da Rúa sigue reclamando este recurso fundamental para loitar contra os incendios. “Por responsabilidade non podemos tolerar que os concellos non conten co material axeitado para enfrontarse aos incendios e debemos dotalos dos  medios necesarios   mesmo para ser utilizados en auxilio  de concellos limítrofes”, recalcou.

Finalmente, o parlamentario do BNG agradeceu o apoio de todos os grupos parlamentarios á proposta nacionalista e avanzou que estará vixiante a que este acordo se cumpra no máis breve prazo posible.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG