congreso

BNG considera que a Lei de Vivenda “fica curta” en aspectos que si debería de regular

Néstor Rego
Néstor Rego

“Semella que a presión electoral se está a traducir nunha lei máis efectista que efectiva na garantía do dereito a unha vivenda digna” sinala o deputado do BNG, que anunciou a abstención

Néstor Rego defende unha política decidida de vivenda pública para actuar realmente nos prezos da vivenda, sobre todo a vivenda en réxime de aluguer

O Bloque Nacionalista Galego anuncia a súa abstención no Proxecto de Lei de Vivenda por considerar que existiron avances durante a negociación mais que foron insuficientes e cualifica a lei como “máis efectista do que efectiva” á hora de garantir o dereito a unha vivenda digna. A frente nacionalista, alén de sinalar as numerosas carencias da Lei, sinala a necesidade de desenvolver unha política decidida de vivenda pública, sobre todo en réxime de aluguer, para garantir o acceso da cidadanía e que realmente se poida actuar sobre os prezos da vivenda.

Durante o debate no Congreso do Proxecto de Lei de Vivenda, Néstor Rego apunta os pequenos avances que se realizaron a respecto da primeira proposta, especialmente no relacionado coa invasión de competencias, a definición do mercado tensionado e dos grandes detentores inmobiliarios ou a blindaxe de dereitos dos arrendadores.

Con todo, para a organización nacionalista, esta Lei é insuficiente e queda curta naqueles aspectos en que si podía entrar a regular, á vez que se excede nas súas competencias facendo que grande parte do seu contido sexan meras recomendacións ou órdagos ás ás Comunidades Autónomas. “Semella que a presión electoral se está a traducir nunha lei máis efectista que efectiva na garantía do dereito a unha vivenda digna” apunta o deputado do BNG.

Nos obxectivos que, teoricamente, se marcaron para impulsar a vivenda pública e o control dos prezos da vivenda, especialmente de aluguer, fican moi por debaixo desas expectativas. “Non se tratan de medidas que poidan ter grande eficacia. Para comezar, a limitación non é dos prezos dos alugueres senón do incremento dos prezos dos alugueres. É unha diferenza moi relevante” apunta Rego.

Alén desta diferenza, a Lei non aborda cuestións como un posíbel desprazamento da oferta cara á vivenda de uso turístico “ou medidas adecuadas para paliar a posíbel desincentivación da renovación dos inmóbeis”. “E que sucede co incumprimento?” pregunta retoricamente o deputado nacionalista durante a súa intervención.

En canto ás políticas públicas, “o obxectivo de 20% parécenos a efectos prácticos meramente declarativo-propagandístico. Non hai competencias nin medidas en caso de incumprimento”. De facto, nin sequera sería de vivenda pública senón de "vivendas destinadas a políticas sociais" o que permite incluír baixo esta categoría outras modalidades.

“En relación coa condición dos grandes detentores inmobiliarios, para iso os inmóbeis teñen que estar todos eles situados na mesma zona tensionada, o que permite que grandes detentores reais non se vexan atinxidos se tiveren as vivendas distribuídas en diferentes zonas. Non teñen deber de ofrecer alugueiros sociais, nin tampouco na mobilización da vivenda que teñan baleira” sinala Rego. E, con respecto aos desafiuzamentos, o deputado nacionalista apunta a ausencia de mecanismos que obriguen a un acordo que os evite e non se garante unha resposta habitacional frente a un previsíbel desafiuzamento.

Anuncios do Goberno en período electoral

O Presidente do Goberno anunciou a mobilización de 50.000 vivendas da SAREB mais, segundo explica o deputado nacionalista, na Lei non se regula o destino deste parque nin tampouco impón deberes para as entidades financeiras ou as súas filiais inmobiliarias como consecuencia do rescate financeiro. “Ningunha das emendas do BNG neste apartado foi aceptada” denuncia Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG