CONGRESO

BNG considera que a Lei de Educación non cumpre coas expectativas das comunidades educativas

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego admitiu que se producen avances en relación coa LOMCE, mais sinalou que son insuficiente como para dar un aprobado a esta lei que, a xuízo do BNG, fica curta en cuestións fundamentais como o fortalecemento do ensino público, a limitación do concertado, a laicidade, as garantías de financiamento, a redución de ratios, a gratuidade dos servizos complementarios, a elección democrática das direccións ou a mellora das condicións do persoal docente.
BNG considera que a Lei de Educación non cumpre coas expectativas das comunidades educativas

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, salientou no debate da nova lei de educación a necesidade e urxencia de deixar sen efecto a LOMCE, mais subliñou que unha vez máis o Goberno español “ficou por detrás das expectativas das comunidades educativas e da sociedade en canto ás mudanzas producidas”.

A xuízo do deputado nacionalista, “hai avances importantes” en comparación coa LOMCE, mais insuficientes como para “dar un aprobado a esta Lei”, polo que se abstivo. Rego destacou que “o BNG presentou máis 100 emendas que non foron tomadas en consideración, con excepción de 3 transaccionais. Unhas emendas que van encamiñadas a reforzar realmente o ensino público, porque apostamos por un  ensino público  galego e de  calidade”.

Entre as medidas defendidas pola forza nacionalista estaba reducir o peso do réxime de concertos, fixar o seu carácter subsidiario -o que implicaría que só poderían producirse nos casos en que non houbese suficiente oferta pública- e reducir a súa duración. Tamén estabelecer claramente a non segregación por sexo ou impedir concertos no ensino non obrigatorio, no camiño da desaparición do ensino concertado sobre a base de que os recursos públicos deben ir a financiar o ensino público.

Ademais, o BNG defendeu un ensino laico, en que a relixión confesional non ten cabida dentro das aulas, e considerou insuficiente voltar á situación pre-LOMCE cunha mate-ria de relixión non computábel e sen materia espello. Rego considerou que esta é una nova oportunidade perdida de camiñar de verdade para a laicidade do ensino público e salientou que o concordato co Vaticano é pre-constitucional, polo que é preciso derrogalo.

Aliás, o deputado nacionalista apostou en reforzar as competencias das Comunidades autónomas, para asumir realmente a configuración plurinacional, pluricultural e plurilin-güe do Estado, “porque a concibiamos como unha lei de bases que non limitase as competencias da Galiza para definir o seu propio sistema educativo a través dunha Lei Galega de Educación” sinalou Rego.

Garantir a eficacia das previsións legais por medio dunha Lei de financiamento, reducir as ratios de alumnado por aula, asegurar a gratuidade dos servizos complementarios como comedor e transporte, asentar a elección democrática das direccións ou a mellorar as condicións do persoal docente, son algúns dos aspectos en que, a xuízo do BNG a nova lei ficou curta.

BNG considera que a Lei de Educación non cumpre coas expectativas das comunidades educativas