Congreso

O BNG abstívose na votación que sube as pensións un 0,9%, porque é "claramente insuficiente"

Néstor Rego afirma que este incremento "non asegura a recuperación do poder adquisitivo das persoas que reciben unha pensión"

O BNG abstívose tamén na validación dos decretos do goberno que afectan ao salario mínimo e aos de empregados públicos porque reclama incrementos superiores

O deputado nacionalista sinalou na súa intervención que fronte ao “ridículo e case insultante 0,25 de incremento dos gobernos do Partido Popular”, un 0,9 de incremento se presenta como un gran logro social, mais que na opinión do BNG “é claramente insuficiente para asegurar a recuperación do poder adquisitivo das pensións, especialmente se esta medida de aumento lineal se adopta sen actuar para estabelecer mínimos de xustiza social en relación coas pensións máis baixas”.

Néstor Rego lembrou que o PSOE se comprometía no seu programa electoral a aumentar “en maior medida as pensións mínimas e as non contributivas” e Podemos tamén a incrementalas. Porén, o decreto do goberno non reflectía ese compromiso de aumentar “en maior medida” as pensións que máis o necesitan e nin sequera por parte do Ministro, Escrivá, se manifestou a vontade traballar nesa dirección.

O deputado nacionalista enfatizou que o BNG vai pelexar porque se aumenten as pensións mínimas e as non contributivas, por entender que é unha cuestión de xustiza social, mais tamén de equidade entre pobos e países que formamos parte deste estado. Rego salientou que na Galiza practicamente o 50% das pensións están por baixo dos 700 euros e que a pensión media se con esta suba en 970 euros, 183 euros menos da media do Estado e 380 euros inferior á de Madrid.

Para enfatizar que o noso País ten das pensións máis baixas do Estado, Néstor Rego apuntou o caso de Ourense, que con 807 euros de media se sitúa á cola, con 543 euros menos que Madrid e 643 euros menos que a media provincial máis alta.

“Comprenderán que para nós, para o BNG, subir as pensións mínimas a 1.080 euros –sen perder o horizonte de que pensións e salario mínimo sitúense no 60% do salario medio-, é unha cuestión de xustiza; dobremente: de xustiza social, cos máis desfavorecidos; e de xustiza co noso País, con Galiza, claramente discriminada nesta materia”, subliñou o deputado nacionalista.

Rego anunciou a abstención do BNG para reclamar máis decisión ao goberno para avanzar na mellora das pensións “porque cremos que se pode e se debe facer máis”.

Salario Mínimo

O decreto que prorrogaba o SMI de 2019 foi xa convalidado con posterioridade a que o goberno aprobase o Salario Mínimo para 2020. En todo o caso, o deputado do BNG considerou na súa intervención que a contía de 950 euros fica por debaixo dos compromisos electorais dos partidos do goberno, PSOE e Unidas Podemos, e lonxe do necesario para alcanzar progresivamente o obxectivo de que se sitúe nos 60% do salario medio.

Empregados públicos

O decreto convalidado incorpora unha suba para os empregados públicos de 2% que, na opinión de Rego é “necesario pero claramente insuficiente”. O deputado do BNG sinalou que esta suba non permite recuperar o poder adquisitivo perdido nos anos de conxelación salarial (máis de 13% entre 2010 e 2018) e que tampouco o acordo de que parte permitiu “recuperar os dereitos laborais arrebatados neses anos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG