O BNG congratúlase da sentenza do xulgado que ditamina que os Franco terán que devolver o Pazo de Meirás

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Considera que as mobilizacións sociais e políticas emprendidas foron decisivas para conseguir a súa devolución
O BNG congratúlase da sentenza do xulgado que ditamina que os Franco terán que devolver o Pazo de Meirás

O Bloque Nacionalista Galego congratúlase da sentenza do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña que determina que o Pazo de Meirás non é propiedade da familia Franco, xa que foi un agasallo ao xefe do Estado, logo das accións sociais e políticas emprendidas para a súa devolución.

Deste xeito, o BNG estima que recoñecer xudicialmente que a propiedade do Pazo de Meirás corresponde ao Estado é un primeiro paso para a devolución desde inmóbel á veciñanza e ao pobo galego, que foi quen custeou a compra.

Xa no seu día, a instancias do BNG na Deputación da Coruña con Goretti Sanmartín Rei como vicepresidenta, promoveuse a elaboración dun informe a cargo dun equipo dirixido polo profesor Xabier Ferreira que abría as portas legais á reclamación cunha argumentación que agora se recolle na sentenza e que confirma o recoñecemento do Pazo de Meirás como patrimonio público. Esta sentenza recolle, da mesma maneira que aquel informe da Deputación, que a compravenda de 1941 coa que o ditador conseguiu inscribir o título no Rexistro da Propiedade ao seu nome foi unha simulación, polo que debe ser anulada. Isto súmase ao importante labor desenvolvido por Ana Miranda que trasladou este tema ao Parlamento europeo co que conseguiu repercusión internacional.

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

Ademais, o BNG quere recoñecer o labor desenvolvido polas asociacións de recuperación da memoria histórica e distintos colectivos sociais á hora de reclamar a propiedade pública deste pazo e, de maneira especial, o traballo de investigación realizado por Carlos Babío e Manuel Pérez publicado pola Fundación Galiza Sempre que foi un referente á hora de reclamar o ben patrimonial usurpado polos Franco e imprescindíbel para desvelar o proceso de espolio perpretado na ditadura.

Ana Pontón en Meirás

O BNG agarda que esta sentenza contribúa a arquivar a denuncia contra “@s 19 de Meirás” que foran denunciados pola familia Franco por desenvolveren unha acción simbólica o 30 de agosto de 2017, cando un grupo de activistas sociais, culturais e sindicalistas a favor da recuperación da memoria histórica e da liberdade de expresión emprenderon un acto pacífico co que despregaron dúas faixas no pazo de Meirás co obxectivo de reclamaren a intervención dos poderes públicos para a devolución deste patrimonio ao pobo galego.

Para o BNG, ademais de rescatar o Pazo de Meirás, é necesario proseguir este camiño democrático para recuperar a Casa de Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria en mans da familia Franco para facer xustiza ás vítimas deste espolio e para restituír a memoria histórica e a dignidade colectiva.

 

O BNG congratúlase da sentenza do xulgado que ditamina que os Franco terán que devolver o Pazo de Meirás