O BNG condiciona o seu apoio aos orzamentos do Estado a que recollan en cifras o cumprimento do acordo de investidura

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón avanza unha acción política “100% propositiva” para dar solucións ao país e contrarrestar a incapacidade dun goberno cun Feixóo escapista

“Imos facer política con maiúsculas porque o momento social é excepcional e somos unha forza que sempre pon os intereses de Galiza por diante”, salientou

Anima a “ampliar a base social” do nacionalismo aproveitando o “caudal de ilusión, confianza e de apoio” obtido nas pasadas eleccións

O BNG celebrou o seu primeiro Consello Nacional tras o inicio da Lexislatura reivindicándose como a única forza que sempre pon os intereses de Galiza por diante e iso é o que, máis que nunca, precisa o país: “vivimos un momento excepcional, mesmo distópico, que nós esixe como nunca dar o mellor de nós mesmas para superar a crise económica e social que ten contra as cordas a miles de galegos e de galegas”, sintetizaba a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención.

E para conseguir ese obxectivo, cada euro conta, empezando por conseguir un trato xusto para Galiza nos presupostos do Estado. “O que determina a posición do BNG é a defensa dos intereses deste país cunha mensaxe clara para o goberno: se Pedro Sánchez quere contar co noso apoio ten que presentar unha proposta de orzamentos que inclúa como mínimo o cumprimento do acordo de investidura. Non imos pasar por menos, esiximos un trato xusto para Galiza que empeza porque as contas do Estado recollan o pactado nese acordo”.

A líder nacionalista considera que non se pode aturar máis a discriminación e o agravio que soportou Galiza de gobernos dun signo e doutro, lembrando o recortazo de 442 M€ do último Executivo do PP, ou as contas pactadas entre PSOE-Podemos cun recortazo de 750 M€. “Nin seguidismo ao inquilino da Moncloa, nin seguidismo ao inquilino de Génova practicando unha confrontación inútil, exerceremos a defensa dos intereses dos galegxs, esa é a posición do BNG”, recalcou.

Coa saída da crise como prioridade, a portavoz nacional incidiu na importancia de recibir os cartos que corresponden, “porque as ideas e as propostas precisan recursos”, de aí que, ademais dos orzamentos do Estado, o Bloque considera prioritario outras tres cuestións no ámbito do financiamento: garantir un reparto que atenda as necesidades de  Galiza dos 140.000 M€ do fondo COVID europeo; supresión definitiva da Lei Montoro para que os concellos dispoñan dos 900 M€ aforrados e un novo modelo de financiamento autonómico que inclúa a xestión íntegra dos recursos e evite que o Estado recade aquí máis dos que inviste.

Durante a súa intervención, Pontón fixo fincapé na necesidade de estar á altura do momento social que vive o país.

 “A  obriga dunha forza política é saber ler correctamente cada momento social, entender a situación do país, interpretar o estado de ánimo da cidadanía, poñerse na súa pel e sentir como propias as súas preocupacións, as súas prioridades e problemas para, desde esa comprensión e desde a empatía, aportar solucións”, afondou,  poñendo sobre a mesa os datos que reflicten as durísimas consecuencias da pandemia en termos de saúde, económicos e sociais.

Neste contexto, avanza unha acción política de rigoroso control pero propositiva para contrarrestar a ineficacia dun Goberno de Fexióo en modo escapista.

“Non imos fallar, porque o BNG ten como prioridade erguer Galiza, traballar na recuperación económica e social, dar solucións  aos problemas que hoxe quitan  o sono a miles de persas preocupadas por non perder o seu emprego ou por saír do paro, preocupadas polo seu negocio, pola súa saúde, pola educación dos seus fillos e fillas e polo coidado dos seus maiores. Por iso, a nosa acción política será 100% propositiva, de rigoroso control ao Goberno, pero co firme propósito de fraguar acordos que permitan resolver os problemas que angustian a unha maioría de galegos e galegas”, explicou.

Intensa axenda social

Neste sentido, subliñou, o BNG “non vai coller o camiño de limitarnos á crítica dun goberno que sigue instalado na inercia, incapaz de anticiparse, que reacciona tarde e mal. Non vou limitarme a denunciar a incompetencia dun Féixóo, que queda espido cando non pode agocharse tras a propaganda da TVG”.

“Imos traballar como o que somos: unha forza política que pon por diante os intereses do país para contrarrestar a un Feixóo que prefire buscar culpables e tirar balóns fora antes que exercer as súas obrigas como presidente do país. Imos traballar para facer política con maiúsculas, sen curtopracismos senón con luces largas, porque o momento social require a nosa máxima implicación”, argumentou.

Finalmente, fixo un chamamento a “ampliar a base social” do nacionalismo “aproveitando o caudal de ilusión, confianza e apoio” colleitado nas eleccións, e para iso avanzou unha intensa axenda de contactos no ámbito económico, sindical, social, cultural e académico, desde o ámbito da empresa e dos sectores produtivos, á economía social, nas universidades, centros de investigación, activistas sociais, movementos veciñais e asociativos,  no ámbito rural, e urbano. “Queremos escoitar a quen teña algo que aportar para que Galiza desenvolva toda o seu potencial”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG