O BNG condena a invasión de Rojava por parte de Turquía e critica a pasividade da Unión Europea

Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
O Bloque traslada a solidariedade co Pobo curdo e a súa loita pola democracia e os dereitos humanos 

A portavoz do BNG en Europa e coordinadora de Relacións Internacionais, Ana Miranda, expresa a rotunda condena do Bloque pola invasión da rexión de Rojava –controlada pola poboación curda no norte de Siria- por parte do exército turco, o apoio da OTAN e de Estados Unidos e a morna posición europea. “É impresentable que a Unión Europea non reaccione contra esta nova agresión da invasión do goberno de Erdogan contra o Pobo curdo”, destaca.

Ana Miranda lembra que a Unión Europea ten colaborado activamente nos últimos anos coas milicias curdas para frear o terrible avance do Daesh, polo que considera que “non é nin xusto nin de respecto que a Unión Europea non se posicione claramente en contra desta invasión só pola ameaza de Erdogan coas persoas refuxiadas, pois nunca debeu realizar un acordo como o da vergoña de pagarlle a Turquía por facer a deshonrosa contención migratoria”.

Precisamente o pasado mércores a portavoz do BNG na Eurocámara participou na constitución do Grupo de Amizade do Curdistán, que denuncia a actitude da diplomacia estadounidense da administración Trump, abandonando aos seus aliados e favorecendo a agresión do exército turco. “Ademais de deter o antes posible a ofensiva do exército turco, e facer fronte a crise humanitaria en Rojava, a Unión Europea debe executar sancións económicas e diplomáticas contra Turquía”, manifesta Ana Miranda.

Contradición

A portavoz do BNG en Europa participou o mes pasado como observadora na Delegación do Parlamento Europeo do xuízo sobre o encarceramento do líder Curdo do HDP turco, Selahattin Demirtas, en prisión preventiva desde novembro de 2016, e que se celebrou no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo. “É cando menos curioso que o propio Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo pida a Turquía que poña en liberdade ao copresidente deste partido curdo, ao considerar que as decisións de Turquía poñen en perigo o sistema democrático e a liberdade de expresión, e agora a Unión Europea consinta en silencio que Turquía invada un territorio autónomo controlado polos curdos”, sinala, especialmente tendo en conta que viven “nun modelo de sociedade aberta, igualitaria e participativa que ademais combateu o terrorismo do Estado Islámico, cun especial papel das combatentes curdas”, engade.

O BNG mantén desde hai anos unha continua relación cos colectivos e partidos defensores da autodeterminación e dos dereitos humanos do Curdistán, como é o caso do Partido Democrático dos Pobos (HDP), como froito da participación de Ana Miranda en varias Asembleas Parlamentares conxuntas Unión Europea – Turquía, así como a participación como observadora internacional no referéndum celebrado en Turquía no 2016 e en reunións coas mulleres e homes do HDP curdo, tanto en Diyarbakir, Ankara e Bruxelas. "É un Pobo irmán que loita pola súa autodeterminación e non podemos deixalos sós neste duro momento da invasión turca", afirmou a nacionalista. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG