Comunicado da Executiva Nacional do BNG

O BNG condena a agresión machista do Armadiña Rock e chama a mobilizarse

Violencia machista

A Executiva Nacional do BNG, diante dos acontecementos coñecidos sobre a agresión machista e detención do agresor durante o festival Armadiña Rock, quere manifestar o seguinte:

Desde o BNG amosamos a nosa absoluta repulsa contra estes acontecementos e a nosa máis sincera solidariedade coa vítima. Unha vez máis vemos a pervivencia do patriarcado e da violencia machista que tentan impedir que as mulleres poidamos desenvolver a nosa vida e o noso lecer en plena liberdade. Estes feitos poñen de relevo a gravidade e importancia da violencia sexual nas nosas vidas. Só no último ano completo houbo en Galiza 44 denuncias por violación con penetración e 415 por outros delitos sexuais. É dicir, só cos feitos denunciados na man, sen pensar en cantos quedan en silencio, temos case unha violación á semana e máis dunha agresión sexual ao día. Isto é algo intolerábel para unha sociedade que se di democrática e un problema de primeira orde.

Entendemos que queda moito por facer para recoñecer a importancia da violencia sexual, identificala como violencia machista e tratala como tal. Esta tarefa corresponde tanto ás institucións como á sociedade e debemos comprometernos coa tolerancia cero. Neste sentido, o BNG saúda como positiva a resposta da organización do festival e chama a acudir á mobilización convocada para hoxe luns 27 de agosto na Praza da Chousa (Poio) ás 21:00.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG