Galegas 2020

O BNG comprométese á declaración administrativa do Camiño dos Arrieiros como rota xacobea

Camiño dos Arrieiros
Camiño dos Arrieiros

O cabeza de lista do BNG Luís Bará reuniuse hoxe co colectivo Codeseda Vida, ao que recoñeceu o traballo de investigación e documentación

Destaca que a dinamización e promoción desta vía como alternativa ao Camiño Francés e Portugués a Santiago suporía unha dinamización económica para concellos como Forcarei e A Estrada

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, comprometeuse hoxe en Forcarei a recoñecer administrativamente o Camiño dos Arrieiros como rota xacobea unha vez o Bloque chegue ao goberno da Xunta tras as eleccións do 12X. O nacionalista destacou a importancia desta vía como alternativa á masificación do Camiño Portugués e Francés a Santiago, así como pola dinamización económica que suporía para concellos como Forcarei e A Estrada, polo que avogou pola súa promoción.

Bará manifestou este compromiso, xunto cos tamén candidatos Ariadna Fernández e Pablo Carracedo ‘Jásper’, nun encontro de traballo en Forcarei con representantes da asociación Codeseda Viva, para recoñecer o extraordinario traballo realizado por este colectivo, que leva anos investigando e documentando a existencia da rota coñecida como camiño da Xeira en Portugal e Camiño dos Arrieiros en Galiza. O cabeza de cartel destaou que o dos Arrieiros é un camiño histórico de comunicación e peregrinaxe a Compostela que está documentado dende a Idade Media e que tivo uso tanto relixioso como tamén económico, xa que era a vía de comunicación do Ribeiro con Compostela a efectos de transporte, sobre todo de mercadorías do viño.

Grazas á asociación Codeseda Viva, segundo se puxo de manifesto no encontro, esta vía xa ten o recoñecemento eclesiástico como vía de peregrinación, e as persoas que fan esta ruta reciben a correspondente compostelana, mais a día de hoxe falta o recoñecemento administrativo da Xunta de Galiza como rota xacobea.

Por este motivo, o BNG manifestou a súa postura de recoñecemento como rota xacobea. Está xustificado, segundo dixo Bará, porque significaría recuperar un camiño que ten toda a tradición histórica e con moitísimo patrimonio que acredita, mediante inscricións -por exemplo en igrexas e mosteiros-, a existencia desta peregrinación xacobea. Sería unha alternativa fronte á masificación que sofren nos últimos tempos os principais camiños xacobeos a Compostela, fundamentalmente o francés e o portugués, e ademais sería un elemento de dinamización sociocultural e económica para o interior da provincia de Pontevedra, concretamente para A Estrada e Forcarei, “que precisan deste tipo de iniciativas de dinamización”.

“Hoxe queremos expresar o noso recoñecemento e compromiso administrativo por parte da Xunta de Galiza para este camiño e tamén o compromiso de accións de impulso e promoción para que sexa coñecido. Tamén para desenvolver un programa para a súa sinalización en colaboración cos concellos para tamén mellorar o trazado e situación de camiños e vías que atravesa. Hai que traballar cos colectivos na dotación de infraestruturas de apoio a medida que vaia tendo máis uso, sobre todo no ámbito da hostalería que pode ser a principal beneficiada con este proxecto”, dixo o nacionalista, quen subliñou que é preciso marcar obxectivos necesarios para dar impulso económico ao turismo e ao coñecemento de comarcas de interior como Tabeirós-Montes “que teñen moitísimo patrimonio, moitísimos atractivos que hai que potenciar dende o goberno galego”.

O Camiño dos Arrieiros é unha ruta interior de 240 quilómetros dende Braga a Compostela, que atravesa unha zona de extraordinario valor cultural e natural como é a serra do Xurés e tamén a Peneda en Portugal e que entra en Galiza pola zona de Lobios e despois transcorre pola comarca do Ribeiro, ata pasar a provincia de Pontevedra, onde atravesa dous concellos de Tabeirós Montes como Forcarei e A Estrada para despois ir a Compostela a través de Teo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG