O BNG cifra en 12.600 M€ a contía mínima á que Galiza debe aspirar do fondo COVID europeo para a reactivación económica

Reunión interinstitucional
Reunión interinstitucional

Ana Pontón pide a territorialización e a xestión directa do Next Generation: “non é a panacea pero Galiza debe recibir o que lle corresponde porque para saír da crise cada euro conta”

Ve opacidade nos proxectos anunciados por Feixóo e propón analizalos no Parlamento, tras preguntarse se os redacta a Xunta ou as empresas do IBEX

O Bloque defende que o fondo sirva para apoiar á economía produtiva e á maioría social, ao tecido empresarial do país, PEMES e autónomos e autónomas.

O BNG cifra en 12.600 M€ a contía mínima á que Galiza debe aspirar do fondo COVID europeo para a reactivación económica

O BNG define criterios de reparto e pon números ao que Galiza debe aspirar a recibir do fondo COVID europeo, o denominado Next Generation UE: un mínimo de 12.600 millóns de euros, o equivalente ao 9% da contía total. Unha proposta moi superior a cifra anunciada até agora polo Goberno de Feixóo e que foi concretada pola portavoz nacional, Ana Pontón, no encontro interinstitucional Parlamento galego, Eurocámara, Congreso e concellos.

Fronte  a un presidente da Xunta que se gaba de anticipación, Pontón ve “un Goberno sen ambición, que renuncia ou que non se atreve a fixar unha cifra mínima para Galiza. Dicir que se anticipa cando os proxectos presentados son unha cuarta parte do investimento fixado por outros territorios como Euskadi resulta cutre. De momento, falta estratexia e sobra literatura”, criticou, ao tempo que denuncia falta de transparencia en nos proxectos anunciados sen que se coñezan criterios, obxectivos nin a quen benefician.

“Esa opacidade fainos pensar que os recursos van ir a un puñado de mans, ás das empresas do IBEX35, ás multinacionais que cotizan en bolsa, ás grandes eléctricas, deixando de lado ao tecido empresarial galego, á pequena e mediana empresa, aos sectores produtivos, aos autónomos”, indicou, tras preguntarse quen está redactando os proxectos: “a Xunta ou consultoras privadas pagadas polas grandes empresas e multinacionais?”.

O BNG pide transparencia e propón que os proxectos sexan analizados na Comisión de reactivación económica e social e  que o Parlamento valore a súa idoneidade e determine se son o que o país necesita e insta a non repetir os erros do pasado.

“Na crise de 2008 rescantaron á banca e agora os mesmos pretenden que na crise do COVID se subvencionen ás empresas do IBEX en lugar de reforzar o tecido empresarial do país, ás PEMES, os sectores produtivos ou aos miles de autónomos afogados pola crise. Ese non é o modelo do BNG, hai que rescatar a economía produtiva, ás maiorías sociais e tomar nota das leccións que nos deixa a pandemia para cambiar de modelo”, demanda a portavoz nacional.

O Bloque tamén reclama a territorialización do Next Generation, tendo en conta que o destino dese fondo afecta a competencias transferidas, así como a participación directa dos concellos, que cada vez prestan máis servizos á cidadanía. E advirte contra a centralización.

“Galiza non podemos ter unha posición de subordinación na negociación porque a maior parte deses recursos van destinados a competencias que xa exercemos en exclusiva e teñen que ser respectadas polo Estado. Por iso, defendemos a xestión integra por parte do Goberno galego dos fondos de recuperación, nun modelo no que tamén participen os concellos”, explicou.

Criterios e obxectivos

No encontro interinstitucional, o BNG avanzou os criterios para facer o reparto, así como os obxectivos que deben inspirar os proxectos a sufragar. Entre os primeiros: a inversa do PIB por habitante, a taxa de actividade laboral, a situación demográfica, o peso do rural para que os fondos non se escoren cara as urbes, o envellecemento da poboación polo maior custe que implica na prestación de servizos, así como ter en conta ás comarcas afectadas por procesos de transición enerxética.

En relación ao segundo aspecto, sintetiza nun decálogo os obxectivos que deben estar detrás dos proxectos: fortalecer os sectores produtivos, reforzar o sistema sanitario, impulsar a creación de emprego, reverter a regresión demográfica, potenciar ás políticas sociais e de cohesión con servizos de calidade e todo o territorio, impulsar a transición ecolóxica, enerxética e dixital, promover a investigación e o coñecemento e a súa translación ao tecido produtivo e modernizar as infraestruturas.

O BNG, destacou Pontón, ten claro que o fondo COVID19 “nin é a panacea, nin vai ser a solución a todos os problemas”, ao tempo que advertiu que plantará cara ante calquera intento de condicionar estes recursos a  reformas que recorten dereitos laborais ou o sistema de pensións. “Pero temos igual de claro que Galiza debe recibir até o último euro que lle corresponda porque a reactivación económica e social precisa dun forte investimento público e cada euro conta para saír da crise que trae de cabeza e miles de galegos e galegas, angustiadas polo seu futuro”, concluíu.

No encontro tamén participaron a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado no Congreso, Nestor Rego, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e membro do goberno local, Cesar Mosquera.

 

O BNG cifra en 12.600 M€ a contía mínima á que Galiza debe aspirar do fondo COVID europeo para a reactivación económica