BNG chama á mobilización con SOS Sanidade Pública porque o estado da sanidade non se arranxa con “anuncios tramposos”

Montserrat Prado afea a Feixóo o seu intento de desmobilización cunha medida de última hora, infrafinanciada e sen plan de recursos humanos

Reproba que “nin sequera se atende á totalidade das 350.000 persoas en lista de espera”; apunta alternativas urxentes e pide un reforzo estrutural

BNG fai un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega (SOS Sanidade Pública) para o próximo mércores, 21 de abril, co obxectivo de reclamar a recuperación do sistema sanitario galego.

A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, considera “moi necesaria” esta mobilización porque, segundo advirte, “o PP está aproveitando a pandemia para elevar ao máximo as súas políticas de acoso e derribo do sistema sanitario e, en especial, da Atención Primaria”.

Neste sentido recalca que non hai xustificación algunha para que un ano despois de iniciada a pandemia “continúen as restricións para as consultas presenciais, as demoras de ata semanas para acadar unha cita telefónica ou as colas ás portas dos centros de saúde”. A deputada nacionalista tamén alerta sobre as listas de espera para probas diagnósticas, consultas ou intervencións cirúrxicas, “que xa eran tremendamente elevadas antes da COVID” e que seguen a multiplicarse.

Prado denuncia que a “difícil situación” que atravesa a sanidade pública galega “non se soluciona con anuncios tramposos de última hora como o realizado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, nun intento de desmobilizar as convocatorias do próximo mércores”, en alusión ao plan que este avanzou este pasado xoves para recuperar a actividade asistencial e aliviar as listas de espera.  

“Este anuncio é insuficiente, non vai dotado dun plan de recursos humanos nin do orzamento necesario para levalo a cabo”, reprobou, para a continuación recalcar que “nin sequera pretende atender á totalidade das máis de 350.000 persoas que se atopan en lista de espera”.

A deputada nacionalista avoga por acometer medidas de carácter estrutural, tal e como defende o BNG na súa clara aposta polo reforzo da sanidade pública galega, se ben, no inmediato, propón alternativas que permitan desconxestionar realmente o sistema e que, segundo enumera, pasan por, “primeiro, garantir a atención presencial e que esta se realice sen demoras” e, coherentemente, en segundo lugar, por incrementar o número de profesionais en todas as categorías.

Así mesmo, defende o desenvolvemento dun auténtico plan de recuperación das listas de espera, dotado de orzamento suficiente e acompañado dun plan de recursos humanos que, segundo subliña, “vaia destinado á totalidade das 350.000 persoas que están nas listas de espera”. Por último, Prado considera imprescindible a transparencia en todo o proceso de vacinación. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG