O BNG chama a dar carpetazo nas urnas a Feixóo e á súa política de acoso e derribo da sanidade pública

Manifestación sanidade
Manifestación sanidade
Montse Prado: “As próximas eleccións son o mellor momento para reverter os recortes e as privatizacións que hoxe denunciamos masivamente na rúa”
O BNG chama a dar carpetazo nas urnas a Feixóo e á súa política de acoso e derribo da sanidade pública

O BNG saliente que os milleiros de galegos e galegas que encheron as rúas de Santiago teñen sobrados  motivos para saír en defensa da sanidade pública, tras unha década de recortes e privatizacións do Goberno de Feixóo que deixa un balance “demoledor”: “menos e peor sanidade pública, mentres se reforzou a privada”, sintetizou a portavoz parlamentaria desta área, Montse Prado.

A formación que lidera Ana Pontón considera urxente reverter esta situación e a mellor maneira de facelo é nas urnas. Por iso, insta a aproveitar a cita electoral para deixar atrás a política de acoso e derribo do sistema público de saúde do actual Executivo .

“Facemos un chamamento para que se responda nas eleccións a esta desfeita do PP na sanidade pública, ese será o mellor momento para facelo. Pedímoslle aos galegos e as galegas que lle dean o finiquito nas urnas a Feixóo, que lle dean o finiquito nas urnas a toda esta década de recortes, que lle dean carpetazo ás políticas nefastas do PP que nos deixan unha Galiza en branco en negro”, argumento Prado.

Manifestación en defensa da sanidade públicaA portavoz parlamentaria de sanidade instou “a trasladar as urnas á mobilización social, para deixar atrás este desgoberno e abrir un tempo novo que o BNG aspira a liderar da man de Ana Pontón”, recalcou.

En relación ao “nefasto” balance do PP, Prado citou o incremento da desigualdade e da falta de equidade no acceso á sanidade que afecta a Galiza rural e do interior, que se traduce na falta de servizos como por exemplo o de pediatría, do que carecen máis de 200 concellos do país. Unha falta de equidade que se agrava coa estratexia de desmantelamento dos hospitais comarcais, pechando servizos e recortando persoal co obxectivo de reducilos “a pouco máis que grandes ambulatorios”.

O hospital de Verín é un caso claro desta estratexia, aínda que a presión da veciñanza obrigou á Xunta a reabrir a sala de partos e a recuperar a atención pediátrica.

O reiterado colapso das urxencias hospitalarias é outra das consecuencias de dez anos de recortes do PP, e son habituais as imaxes de persoas doentes amoreadas nos corredores mentres se pecharon 800 camas, ao que se suma a precariedade laboral que provoca que haxa profesionais que acumulan centos de contratos nun ano,  mentres hai 5.000 vacantes se cubrir no SERGAS.

Con todo, a atención primaria foi a máis damnificada, cun recorte acumulado en investimento de 2.000 M€ na última década, o que provoca que hoxe a porta de entrada ao sistema público conte con 142 M€ menos que antes da chegada de Feixóo á Presidencia. “Todo isto ten consecuencias na saúde das persoas, porque os recortes na sanidade matan como se evidenciou nos tráxicos sucesos da Estrada e Dozón”, lembrou a deputada nacionalista.

Manifestación en defensa da sanidade pública“A sanidade pública é unha conquista social fundamental e non imos permitir que o PP siga coa súa estratexia de desmantelamento, por iso advertímoslle a Feixóo que xa non pode tapar a indignación social nin con propaganda, nin con mentiras, nin con circulares internas de censura para amordazar aos profesionais”, concluíu.

Entre as propostas de execución inmediata que propón o BNG: plan de investimento urxente de 206 M€ en atención primaria, reapertura das 800 camas suprimidas e convocatoria das 5.000 prazas vacantes no SERGAS.

Non valen medias tintas contra a violencia machista

Prado inicio a comparecencia ante os medios transmitindo toda a solidariedade e de alento á familia da muller asasinada en Lugo vítima da violencia machista: “diante desta situación non caben as medias tintas, non é posible seguir branqueando ou enmascarando aos negacionistas da violencia contras as mulleres polo feito de ser mulleres.  A loita contra o violencia machista ten que ser unha cuestión prioritaria e iso pasa por destinar os medios e os recursos necesarios e deixarse de medias tintas”.