parlamento galego

BNG centrará o vindeiro pleno no Parlamento galego sobre desigualdade e medidas contra discriminación

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Pedirá a creación dunha Valedoría da Igualdade, a transferencia de Inspección laboral e incluír cláusulas de igualdade nos contratos públicos

A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil avanzou que o BNG centrará a vindeira sesión plenaria en igualdade e medidas contra a discriminación.

Tras a Xunta de portavoces, Rodil compareceu ante os medios de comunicación e anunciou que o BNG defenderá   entre outras propostas: crear unha  “Valedoría da Igualdade” como organismo público encargado de velar polo cumprimento da lei de non discriminación entre mulleres e homes e con capacidade sancionadora ás  empresas que cometan accións de discriminación salarial ou profesional por razón de xénero.

Asemade, o BNG reclamará a “transferencia”  das competencias plenas en materia de inspección laboral con  financiamento suficiente para un plan específico de inspección en materia de discriminación e “cláusulas de igualdade” na contratación pública galega que garantan a non discriminación pero tamén o avance da igualdade de xénero e da corresponsabilidade social.

Ademais, na sesión de control, a da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará  ao presidente da Xunta sobre as  medidas que está a desenvolver o goberno galego para conseguir a igualdade real entre mulleres e homes nun momento como o actual no que a “crise económica, derivada da pandemia, está  a golpear enormemente as traballadoras e supón  unha profunda involución ao reforzar roles de xénero patriarcais e machistas”.

Na orde do día, o BNG incluíu unha  Proposición non de lei sobre o impacto emocional e psicolóxico da pandemia. Dende o BNG, adiantou a nacionalista, propoñemos  “trazar unha estratexia para enfrontar as consecuencias que esta crise sen precedentes ten na saúde mental da poboación”.

Finalmente Rodil aludiu á proposición non de lei do BNG para instar á Xunta de Galiza e o Estado español a presentar un recurso  á sentenza da Audiencia Provincial sobre o Pazo de Meirás. “O pobo galego non pode pagar dúas veces por un ben espoliado roubado pola ditadura”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG