O BNG centrará o vindeiro pleno do Parlamento Galego na defensa da sanidade pública

Defenderá unha Lei para destinar 273 millóns á Atención Primaria e un Plan de formación de novos e novas médicas para cubrir as xubilacións

O BNG centrará o vindeiro pleno do Parlamento Galego na defensa da sanidade pública

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil avanzou hoxe, trala reunión da Xunta de portavoces, que no vindeiro pleno será debatida a proposta de lei do BNG de  reforma dos orzamentos para impulsar dun plan de mellora da Atención Primaria con 273 millóns de euros, ante o recorte de 182 M€ na sanidade nos orzamentos do 2019. “É necesario reverter os recortes do Partido popular”, recalcou a nacionalista.  

Rodil volveu a denunciar os  problemas que arrastra a Sanidade Pública Galega dende que goberna o PP de Feixóo, na súa opinión, cunha política errática que  “non se arranxa creando un Consello técnico”. Hoxe mesmo, lembrou a deputada, médicos e médicas en precariedade laboral concentráronse nas inmediacións do Parlamento galego ao que sumou as novas mobilizacións anunciadas por colectivos de profesionais e organizacións  sindicais.

Para o BNG, “son insuficientes os anuncios do Partido popular e Feixóo” que tentan paliar os efectos nocivos da súa política de recortes en materia sanitaria con apenas “102M€ en tres anos”. A Xunta de Galiza conta con recursos económicos suficientes para dotar dos medios necesarios que necesita a sanidade pública do noso país, por iso reclamamos incrementar 273 millóns de euros, un 20% máis do orzamento asignado na actualidade, reiterou.

Necesitamos medidas urxentes para mellorar a calidade asistencial e neste sentido, apuntou: “incrementar o número de profesionais para que cada facultativo/a teña un cupo de 1.250 tarxetas sanitarias, cubrir ao cen por cen ás baixas, mellorar os equipamentos nos centros de saúde así como un sistema de formación que se adapte á realidade do noso sistema sanitario público para remudar as prazas do 53% dos médicos e médicas que superan os 55 anos e que se aproximan á xubilación”.

A maiores, o BNG tamén defenderá unha proposición non de lei para modificar os pregos que regulan a adxudicación do transporte de ambulancias porque, o concurso presentado pola Xunta de Galiza “non soluciona os problemas arrastrados” e continúa  primando o criterio económico fronte á mellora da prestación do servizo, ademais de recortes de persoal nas ambulancias medicalizadas en FOZ, O Salnés e A Mariña.

Sen saír do ámbito sanitario, o BNG preguntará ao goberno polas dificultades das familias con crianzas que precisan atención temperá no Hospital de Lugo ante a falta de persoal que provoca importantes listas de agarda e terapias.

O BNG tamén interpelará ao conselleiro Almuíña sobre a cobertura de prazas  de médicos e médicas na comarca de Valdeorras.

PONTÓN PREGUNTA A FEIXÓO POLA VIVENDA PÚBLICA

Na pregunta ao Presidente, a portavoz do BNG, Ana Pontón preguntará a Feixóo polas dificultades, sobre todo para a mocidade,  á hora de acceder a unha vivenda pública en Galiza. Persoas menores de 35 anos, “máis de 4.000” seguen agardando por esa vivenda pública”. Estas persoas, dixo, Rodil, atópanse nunha precariedade laboral que impide facer fronte ao pago dun aluguer, e moito menos dunha hipoteca polo que é necesario que o Goberno galego impulse unha verdadeira política de vivenda pública para garantir este dereito fundamental para o conxunto da poboación.

“Con salarios miserentos e con listas de agarda para unha vivenda pública, a mocidade non pode emanciparse nin iniciar proxectos  vitais  que favorezan a demografía”.

Finalmente, o BNG tamén defenderá unha liña de axudas contra os danos causados pola fauna salvaxe, o lobo e o xabaril,  na gandería e  cultivos  agrícolas. Pediremos celeridade nas indemnizacións, concluíu.

A VALEDORA DO POBO TARDA EN DEIXAR O CARGO

A preguntas dos xornalistas sobre a actual situación da Valedora do Pobo, Milagros Otero condenada por crear unha praza “ad hoc” na Valedoría do Pobo  para a irmá do portavoz do Partido popular, Pedro Puy, a deputada do BNG manifestou que “resulta inconcibible” que continúe no seu cargo despois de ser condenada polo Supremo por desviación de poder. Dende o BNG reclamos, en dúas ocasións na Cámara galega, que esa persoa non podía permanecer á fronte da institución porque é, recalcou, unha persoa condenada por “caciqueo” e o Partido popular debe explicar porque  sigue “amparando o caciquismo”.

O BNG centrará o vindeiro pleno do Parlamento Galego na defensa da sanidade pública