O BNG celebra un Día da Patria expansivo nas sete cidades mantendo A Quintana como punto de encontro e co lema Construíndo unha nova Galiza

Xavier Campos
Xavier Campos

“É unha celebración inclusiva da nación que compartimos, aberta a todos os galegos e galegas na súa diversidade e pluralidade”, salienta Campos

O lema é continuidade do utilizado en campaña “porque o 12X foi un primeiro paso dun proceso en marcha que avanza e se constrúe”, explica

O BNG adapta a celebración do Día da Patria ao contexto COVID19 para casar a seguridade sanitaria coa conmemoración dun data que este 25 de xullo coincide co seu centenario e tras un proceso electoral no que a formación que lidera Ana Pontón obtivo un resultado histórico que a militancia quere festexar. “É o Día da Patria post 12X e a militancia e simpatizantes teñen ganas de celebrar”, explicou o secretario de Comunicación da Executiva Nacional, Xavier Campos.

Neste contexto, o Bloque organiza un Día da Patria “expansivo e descentralizado” nas sete grandes cidades pero mantendo a compostelá Praza da Quintana como simbólico lugar de encontro, cun aforo limitado a un millar de persoas. De xeito simultáneo, haberá actos nas urbes galegas coa intervención tanto dos e das referentes locais como dos e das deputadas electas, para conectar telematicamente a través de pantalla con Santiago no momento en que a portavoz nacional pronuncie o tradicional discurso na emblemática praza.

A idea é que, pese as limitacións, a celebración congregue a milleiros de persoas tanto de xeito presencial nos sete actos como a través do súa retransmisión a través das redes sociais, nunha celebración do Día da Patria que o BNG propón como inclusivo e dirixido a todos o galegos e as galegas sintan como sintan o país compartido.

“Concibimos o Día da Patria dunha maneira inclusiva non só da militancia do Bloque ou das persoas que se senten nacionalistas, porque este é o día da nación que compartimos e neste sentido é unha celebración dirixida a todos os galegos e a todas as galegas na súa diversidade e pluralidade, sexan ou non nacionalistas, votasen ou non polo BNG o pasado 12 de xullo. É o día que nos une o amor que temos polo noso país, para poñer en valor a nosa identidade e a vontade de garantir unha Galiza con futuro”, explicou Campos.

Neste sentido, a formación nacionalista xa ten convidado a cada un dos sete actos a persoas que representan colectivos sociais, culturais, veciñais, económicos do país, “é un convite aberto á participación da cidadanía”, recalca.

En canto ao lema, Construíndo unha nova Galiza, da continuidade ao utilizado en campaña, - Unha nova Galiza- para transmitir que o 12X “foi un paso adiante moi importante que vai ir a máis, de aí esa apelación a construír o cambio galego que non foi posible lograr na pasada cita electoral pero desde o convencemento de que a onda de simpatía e de ilusión que xerou o Bloque medra dentro dun proceso que vai seguir camiñando e avanzando”, indicou Campos, “porque imos seguir traballando para conseguir o cambio galego e construír a nova Galiza que queremos”.

A conmemoración vai estar acompañada dun reparto masivo da bandeira galega e, aínda que non se terá lugar a tradicional manifestación que cada ano congrega a milleiros de persoas nas rúas de Compostela, si haberá unha marcha do millar de participantes do acto posterior da Quintana que partirá da Alameda, seguindo de xeito escrupuloso as medidas de seguridade sanitaria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG