O BNG celebra a decisión da RAG de adicar o Dia das Letras 2020 a Carvalho Calero

Carvalho Calero (Foto: RAG)
Carvalho Calero (Foto: RAG)

A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego saúda a decisión de conmemorar e homenaxear Ricardo Carvalho Calero o vindeiro ano 2020, unha figura chave na historia da literatura do noso país tanto pola súa extensa obra poética, narrativa e teatral como pola súa importantísima contribución historiográfica e investigadora ao coñecemento da lingua e literatura galegas.

Alén da súa obra, Ricardo Carvalho Calero foi ao longo da súa vida unha persoa comprometida co nacionalismo galego e coa loita antifascista --razón pola que sería procesado e condenado a doce anos de cadea en 1936, e coa defensa dos dereitos nacionais e sociais de Galiza, participando nas asembleas de Pontevedra que deron lugar á fundación do Partido Galeguista en 1931.

Así mesmo, as súas posicións lingüísticas manifestas a partir da década dos oitenta, tornarían Carvalho Calero nunha das principais voces na defensa da unificación da norma gráfica galega coa portuguesa.

A súa biografía, da que apenas damos unha vaga referencia, fai incomprensíbel a demora desta conmemoración que, malia chegar tarde, saudamos de maneira entusiasta. E facémolo pola oportunidade que representa para a difusión da súa figura e obra, especialmente entre a mocidade, como leva a facer o movemento cultural e asociativo galego durante moitos anos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG