parlamento galego

BNG celebra o acordo do Parlamento para reclamar a rebaixa do IVE na perruquería, emenda propia aos orzamentos estatais

Carme González
Carme González
Carme González pide que a redución ao 10% sexa permanente e afea a PP e PSOE os seus cambios de posición “segundo gobernen ou non”

BNG celebra o acordo acadado no Parlamento galego para instar á Xunta a reclamar do Estado a redución do 21% ao 10% nos salóns de peiteado, unha medida que a formación nacionalista a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, propuxo como emenda aos orzamentos estatais e agora presentada polo PP como proposición non de lei na Cámara galega.

Non obstante, a portavoz de Comercio, Carme González, emendou a iniciativa popular para que a redución impositiva fose permanente e non temporal, tal e como demanda o sector, proposta que foi rexeitada polo PP, que concibe a rebaixa como unha medida puntual de apoio ao sector ante a incidencia económica que sofre pola pandemia.  

Neste sentido, González recriminou a PP e PSOE os seus continuos cambios de posición “segundo estean gobernando ou non” e lembrou que o BNG xa votara en contra en 2012 cando o goberno de Mariano Rajoy subiu o IVE na perruquería do 8% ao 21%. De igual xeito recordou as distintas iniciativas presentadas no Congreso dende o 2012 para reducir de novo o imposto ao sector, a última nos orzamentos estatais, rexeitada polo PSOE que solicitara a mesma medida nos anos 2014 e 2018 cando estaba na oposición. “Pouco máis que dicir, tanto ten Xan como Perillán”, reprochou con ironía.

A portavoz de Comercio celebrou en todo caso o acordo acadado agora no Parlamento galego porque, segundo recalcou, “só así se poderá paliar a situación crítica que está a atravesar o sector, cunha facturación reducida de arredor do 50%”. Nesta liña advertiu de que en 2012 (ano da subida do IVE ao 21%) operaban en Galiza 10.000 salóns de peiteado que empregaban a 21.000 persoas e “nestes oito anos quedaron no camiño 3.000 locais e perdéronse 4.000 postos de traballo: hai case un 30% de negocios menos que en 2012”, criticou.

González considerou tamén “paradoxo” que durante o estado de alarma as perruquerías fosen consideradas unha actividade esencial, mentres que á hora de aplicar o IVE “non sexan consideradas como tal e se lles aplique o xeral do 21%”. Segundo explicou, a redución impositiva non repercutiría ademais na recadación na medida en que serviría de axuda directa e permitiría manter abertos moitos negocios que doutro xeito se verían na obriga de pechar, “como xa pasou na anterior crise ou pasar á economía somerxida no servizo a domicilio, polo que deixarían de pagar impostos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG