O BNG bota a andar Pensar Galiza cun encontro co talento e a aposta polo I+D+i

Pensar Galiza
Pensar Galiza

Reúne na primeira das xuntanza persoas do ámbito da innovación e o coñecemento para avanzar propostas arredor da investigación como ámbito estratéxico

Ollala Rodil adianta que o BNG defenderá o I+D+i como estratéxico para o desenvolvemento do país e para unha Galiza moderna e con futuro que deixe atrás a década negra de Feijóo.

Salustiano Mato afirma que só a falta de vontade política impide poñer fin á precariedade laboral e á fuxida do capital humano da investigación

A investigación como ámbito estratéxico para unha Galiza moderna e con futuro foi o eixo fundamental do primeiro dos encontros da iniciativa Pensar Galiza do BNG que dedicou esta sesión inicial a elaborar propostas con protagonistas do mundo da I+D+i. O profesor Salustiano Mato e a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, coordinaron a xuntanza na que se apostou por situar o debate nunha situación central para o desenvolvemento económico e social, aumentar os orzamentos e urxir á eliminación da precariedade laboral.

Persoas con longas traxectorias mesmo en máximos cargos de goberno da Universidade, representantes de colectivos que inician as súas carreiras investigadoras e membros de centros de innovación participaron esta mañá na primeira das mesas Pensar Galiza destinada a achegar propostas encamiñadas a construír un país novo que ten no ámbito do I+D+i un dos seus eixos de investigación.

O primeiro dos encontros contou coa coordinación do profesor da Universidade de Vigo, do que foi reitor, Salustiano Mato, que tamén foi Director xeral de I+D+i no goberno bipartito ademais da viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, coordinadora xeral de Pensar Galiza e avanzou propostas de especial interese encamiñadas á mellora da situación da investigación e, en particular, para a eliminación da precariedade na que viven investigadoras e investigadores que obriga a boa parte das novas xeracións a marchar do país.

"Esta iniciativa quere enriquecer e facer participativo o programa electoral do BNG e quixemos iniciar o camiño cunha cuestión que para nós é estratéxica e un ámbito fundamental do desenvolvemento do país como é a ciencia e a investigación, un dos piares fundamentais sobre o que xirará a nosa alternativa política", sinalou na súa intervención Olalla Rodil. "Queremos poñer en marcha o país que necesitamos que ten que ter na ciencia a na investigación un eixo central do desenvolvemento económico, social e cultura", explicou para o que contan coa participación de membros das tres universidades e centros de investigación do país.

Vontade e alternativa política

Pola súa parte, Salustiano Mato apuntou que a iniciativa está a lograr "contrastar a maneira de pensar e sentir de persoas da ciencia, a universidade e a investigación co fin de mellorar o ecosistema innovación galego, sabendo que é fundamental para facer unha Galiza mellor e con futuro". Destacou a pluralidade de sensibilidades convocadas, desde "xente veterana até rapazas e rapaces que empezan no camiño da investigación e que teñen incertezas e dúbidas e que padecen precarización", o que, segundo apuntou vai permitir "integrar opinións e propostas que permitan, a través das propias persoas que traballan no ámbito avanzar cara unha Galiza que sexa dos vinte e trinta cumprindo as metas de desenvolvemento sostíbel".

No encontro, as persoas participantes, desde as súas particulares experiencias e traxectorias, denunciaron o abandono que padece quen se dedica á investigación, a falta de orzamentos e a precariedade e inestabilidade laboral de boa parte do colectivo.

Coidar o talento porque é futuro fronte ao "desmantelamento" de Feijóo

Apuntaron a necesidade de "darlle á ciencia o valor que ten para a sociedade e para a mellora de vida das persoas" e lamentaron a caída en picado que padeceron os investimentos nos orzamentos galegos que supoñen, segundo puxeron sobre a mesa, a metade, en porcentaxe de PIB, que destina o País Vasco ou a terceira parte da media europea.

De maneira especial, anotaron a necisidade de coidar o talento e poñer freo a súa fuxida, con programas estábeis para o que,segundo destacaron, non se precisan só investimentos senón tamén vontade política porque a investigación xera beneficios e pode crear postos traballo de calidade.  

Na súa intervención no propio encontro, Salustiano Mato lembrou que no goberno bipartito, no que el asumiu o cargo de Director Xeral de I+D+i, deseñáronse itinerarios encamiñados a coidar o capital humano que, coa chegada do goberno de Feijóo do PP foron desmantelados, aumentando a inestabilidade e o maltrato laboral ás persoas que deciden dedicarse á ciencia. "Para cambiar a situación non é preciso ningunha lei orgánica xa que xa existen canles que o permitan, só se precisa vontade política para trazar unha carreira profesional con certezas", apuntou Salustiano Mato.

Algunhas das persoas participantes relataron situacións de grande precariedade como a altísima temporalidade que leva a ter asinado, por exemplo, sete contratos nun ano, algún de sete días, ausencia de dereitos laborais de quen se dedica a investigación sanitaria con situacións peores que o nivel inferior dos contratos laborais dos centros de saúde, ausencia de antigüidade no posto de traballo ou a obriga de marchar do país para sobrevivir.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG