O BNG avanza na conformación da candidatura ás europeas coa súa propia folla de ruta

O Consello Nacional do BNG acordou seguir adiante coa súa estratexia “activa e belixerante” contra a política de recortes do PP e continuar coa súa “folla de ruta” de cara á conformación dunha candidatura ás eleccións europeas aínda que mantendo aberta a porta a unha coalición unitaria galega de forzas nacionalistas de esquerda.

Reunión Consello Nacional 9 nov 2013 w2

No primeiro punto, o Bloque advirte que as políticas do PP plasmadas nos orzamentos “deterioran a calidade de vida de sectores cada vez máis amplos da poboación, incrementando a pobreza, a exclusión social e o sufrimento da cidadanía, e afondan na crise e no desemprego”, denunciou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

Co agravante, sinala, “do proceso de recentralización de competencias que deixa a Galiza sen instrumentos para impulsar o seu desenvolvemento”.

Neste sentido, Vence indicou que o BNG continúa apoiando as mobilizacións da cidadanía e enfrontando as políticas regresivas do PP e da Troika desde os concellos, dentro do que ten bautizado como espírito de Riotorto contra “a devastación dos servizos públicos e sociais”. Igualmente, seguirá coa campaña contra a reforma local que privatiza servizos municipais, con efectos “nefastos” no medio rural.

En relación aos comicios europeos de maio de 2014, o Bloque considera necesario contar cunha representación “xenuína” dos intereses do país. Por iso, mantén a súa aposta por configurar unha coalición galega de forzas nacionalistas de esquerda, pero Vence deixa claro que “non vai estar esperando a que outros adopten as súas decisións, nin resolvan as súas dúbidas para continuar coa configuración dunha candidatura tanto con forzas políticas como con colectivos sociais e sectores da cidadanía”.

Debate pola militancia

Esa candidatura ten o dobre obxectivo de dar a Galiza unha voz forte en Bruxelas e construír outro modelo de Europa alternativo ao que marca a Troika e a banca, “que leva por diante conquistas sociais de décadas”, alega Vence.

Neste sentido, o Consello Nacional aprobou os criterios, -que serán debatidos a nivel local e comarcal pola militancia e a base social-, para conformar unha candidatura a nivel galego, nun primeiro paso, e co resto das forzas nacionalistas de esquerda do Estado español, “unha gran coalición que recoñeza ás nacións sen estado e loiten por un modelo de Europa solidario”.

Vence, Junqueras, Zabaleta

Co ese obxectivo, Vence indicou que o BNG continuará as conversas coas forzas nacionalistas de esquerda de Euskadi e Catalunya, como EH-Bildu e ERC, e avanzou que a semana próxima comparte conferencia política no Parlamento Europeo sobre o dereito a decidir dos pobos co presidente de ERC, Oriol Junqueras, e co coordinador xeral de Aralar, Patxi Zabaleta.

Igualmente, continúa “a man tendida” para que outras forzas políticas nacionalistas de esquerda e colectivos sociais de Galiza se sumen a esta proposta de candidatura unitaria galega e, dado que son uns comicios de circunscrición estatal, a unha posterior macrocoalición con forzas homólogas doutras partes do Estado.

Vence deixou claro que o nacionalismo de esquerdas que representa o BNG é “incompatible coa submisión á estratexia electoral de forzas políticas estatais” e niso coinciden en Euskadi ou Catalunya. “Estamos dispostos a incorporar a todas as forzas galegas nacionalistas, pero a defensa de Galiza non pasa por compartir candidatura ou ir baixo o paraugas dunha forza estatal”, dixo.

“A proposta do BNG é clara, todos teñen as portas abertas pero en ningún caso nos imos enredar nas estratexias de forzas políticas estatais que nada teñen a ver cos intereses específicos de Galiza nestas eleccións”, recalcou Vence.

“O obxectivo é conformar unha candidatura unitaria galega das forzas nacionalistas de esquerda, federada coas forzas nacionalistas de esquerda de Euskadi e Catalunya e nesa dirección seguiremos traballando” pero, sinalou, “de ningunha maneira imos supeditar os intereses de Galiza aos intereses electorais dunha forza política estatal. Esperamos que todos os demais estean á altura das circunstancias en aras dos intereses de Galiza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG