congreso

BNG avanza iniciativas no Congreso para evitar portaxes nas autovías

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego considera que, lonxe de ser unha medida ‘verde’ é claramente antisocial e prexudica os intereses da Galiza e o seu desenvolvemento económico

O recente anuncio do Goberno español de implantar portaxes en todas as autovías está a xerar unha grande inquietude polos efectos negativos que tería para as clases populares e para os custos das actividades económicas, especialmente nun País como a Galiza que ten unha ubicación xeográfica periférica na Península e en Europa. Unha medida que o Goberno pretende vender como ‘verde’, para ‘desincentivar’ o uso do vehículo privado, representará realmente unha lousa nun País que non posúe transportes públicos adecuados nin unha rede ferroviaria á altura das necesidades do século XXI, especialmente para o transporte de mercadorías. Para evitalo, o deputado nacionalista Néstor Rego anuncia que o BNG presentará iniciativas no Congreso e chamará a sociedade galega a se mobilizar.

Néstor Rego considera que a implantación de portaxes nas autovías iría afectar moi negativamente os intereses do noso País e dos sectores sociais máis desfavorecidos, especialmente pola ausencia de alternativas ao uso do vehículo particular e ao transporte de mercadorías por estrada. “Non se pode pretender vender como ecolóxica unha medida que realmente vai gravar as clases populares, con máis dificultades para afrontar o pagamento das portaxes, e implicar un sobrecusto para as empresas galegas que continuarían a perder competitividade. É unha burla que se fale de incentivar o uso dos transporte público ou do ferrocarril cando na Galiza non existen servizos á altura das necesidades actuais, especialmente para o transporte de mercadorías”, sinala o deputado nacionalista.

O BNG considera inaceptábel que, cando o goberno español aínda non cumpriu o compromiso de baixar as portaxes da AP-9, anuncie que pretende implantalas nas autovías. Para a formación nacionalista isto viría a agravar a discriminación que sofre o noso País, que vería a súa economía lastrada por sobrecustos para as actividades económicas á hora de transportar os seus produtos, quer dentro da Galiza, quer especialmente para o exterior. “A posición periférica da Galiza e a ausencia de alternativas, como o transporte ferroviario de mercadorías, agravaría os efectos negativos para a economía da Galiza e o emprego dunha medida como esta. Cando no resto do Estado español a maior parte das autoestradas están a pasar a ser gratuítas, aquí teremos que continuar a pagar pola AP-9, pola AP-53 e tamén polas autovías? Non é xusto”, enfatiza Néstor Rego.

Aliás, a xuízo do deputado do BNG, sería tamén unha medida moi lesiva para as persoas como menos recursos económicos. “Os ricos sempre poderán pagar as portaxes, son os traballadores e traballadoras as que se verán excluídas de empregar estas vías de alta capacidade polas dificultades para asumir o seu custo. Non sei a isto podemos chamar de ‘capitalismo verde’ mais o que é evidente é que é unha medida antisocial e discriminatoria coa Galiza”, subliña Néstor Rego.

Sinala tamén o BNG que as portaxes nas autovías tería o efecto de aumentar o tránsito nas vías convencionais, xa en moitos casos colapsadas e onde se producen a maioría dos accidentes con resultado de morte. Para Rego resulta sorprendente que este Goberno, que se autocualifica como ‘progresista’ non teña nunca en conta os custos sociais que decisións como esta poden implicar. “Reducir o número de accidentes e de falecementos por violencia viaria debe ser un obxectivo prioritario. As portaxes nas autovías terían sen dúbida o efecto contrario: maior custo en vidas humanas e mesmo maior custo en gasto sanitario e social.”

O deputado nacionalista cualifica de ‘neoliberal’ o argumento do Ministro de Transportes, José Luís Ábalos, e do Director Xeral de Tráfico, Pere Navarro, de que se non pagan os usuarios ‘pagamos todos’ vía impostos. “É un argumento falaz, por dúas razóns. En primeiro lugar porque a construción das autovías xa a pagamos cos nosos impostos e, en segundo lugar, porque se aplicásemos ese argumento a outros servizos públicos como a sanidade e a educación veríamos claramente que nos estaríamos a situar na lei da selva neoliberal: os servizos só para quen puider pagalos”, salienta Rego, que acrecenta que se trata, por tanto, dunha medida puramente recadatoria, mais con efectos moi negativos para a Galiza. “Non desincentiva o uso do vehículo privado porque non hai alternativas; non é verde nin sustentábel, simplemente é antisocial e antigalega”, enfatiza.

Néstor Rego lembra que o BNG leva décadas loitando pola mellora dos servizos públicos de transporte, especialmente os ferroviarios e incluídos os de mercadorías. “No Acordo de Investidura colocamos como prioridade a modernización da rede interior dos camiños de ferro e o avance no Corredor Atlántico de mercadorías. Lamentabelmente o Goberno de coalición PSOE-Podemos aprobou uns Orzamentos do Estado discriminatorios coa Galiza que non destinaron recursos suficientes para que puidésemos avanzar, mais o BNG continuará traballando por este obxectivo. Antes de falar de novos gravames como as portaxes das autovías, o Goberno debe cumprir os seus compromisos con todos os galegos e galegas, especialmente, baixar as peaxes da AP-9 e modernizar o ferrocarril”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG