O BNG atribúe a Campos a ruptura do goberno da Deputación e empraza á dirección do PSOE a intervir

A executiva nacional pregúntase se estamos “ante un ensaio da gran coalición PP-PSOE”, tras romper o pacto co BNG que sustentaba o goberno do ente provincial

A executiva nacional valorou a situación creada na Deputación de Lugo despois de que o PSOE, e concretamente o presidente do ente, Darío Campos, rompese o pacto de goberno que mantiña co BNG, negociando unilateralmente co PP nada menos que os orzamentos da institución ás costas do seu socio nacionalista.

“Parece que PP e PSOE xa están ensaiando na Deputación de Lugo a gran coalición”, ironizou a responsable de Organización Goretti Sanmartín.

“Concluímos que o PSOE e concretamente o presidente da Deputación de Lugo, Darios Campos, rompeu o goberno de coalición no ente provincial cando decide pactar co PP de costas ao seu socio de goberno, nada menos que os orzamentos, iso é algo absolutamente desleal que non ten ningunha explicación tendo en conta o acordo de Goberno entre PSOE e BNG”, argumentou Sanmartín.

“O Feito de pactar co PP os orzamentos fai que se sitúe nesa ruptura de goberno por parte de Darío Campos sen posibilidade de continuar a traballar nun goberno conxunto”, recalcou.

Nesta situación, a Executiva nacional fai un emprazamento a dirección nacional do PSOE “para que desautorice a actuación do partido socialista na deputación de Lugo por ir en contra do acordo subscrito polas dúas forzas”, un acordo de goberno co que se pretendía “desenvolver políticas diferentes, rematar coa políticas caciquís, coas prebendas, e coa práctica de buscar determinados lugares favorecidos fronte a outros”.

Precisamente, “o acordo marco pretendía aplicar políticas transparentes, en concorrencia e absolutamente diferentes ao que pretende o PP con este acordo de gran coalición PP-PSOE, onde de maneira unilateral o PSOE acaba de romper e situarnos fora do goberno. O goberno PSOE-BNG na Deputación xa non existe, desde o momento en que Campos ten asinado un acordo co PP a través da señora Elena Candia”, reiterou Sanmartín en nome da executiva nacional.

Tras un diálogo cos deputados provinciais e coa militancia da provincia, mañá mesmo está prevista unha convocatoria antes os medios en Lugo para explicar os pasos a dar a partir de agora, toda vez que o BNG considera que o presidente da Deputación rompeu unilateralmente o acordo de Goberno

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG