O BNG arranca "Proceso Adiante", para acadar un proxecto nacionalista renovado que aspire a todo

Ana Pontón e unha representación da executiva nacional na presentación do Proceso Adiante

Ana Pontón e unha representación da executiva nacional na presentación do Proceso Adiante

O BNG arranca a folla de ruta para o proceso de refundación baixo a denominación Proceso Adiante. Relanzar o proxecto nacionalista para, no prazo máximo dun ano, poñer a punto o proxecto político con tres grandes obxectivos que sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, na rolda de prensa de presentación.

Primeiro, actualizar o discurso do Bloque “nun momento en que consideramos que o nacionalismo é máis necesario que nunca”; segundo, recuperar o pulso social e electoral para que o BNG sexa peza clave na derrota do PP e, en terceiro lugar, ensanchar a base social do nacionalismo, “o BNG como casa común de todos e de todas as nacionalistas”.

“O Proceso Adiante determinará que aspectos temos que corrixir e mellorar para ofrecer ao conxunto da sociedade galega un proxecto nacionalista renovado, reforzado que aspire absolutamente a todo”, salientou Rubén Cela en nome da Executiva nacional, un proceso participativo e transparente ao que tamén se incorporen “homes e mulleres que sen militar no BNG comparten que Galiza precisa un proxecto nacionalista forte”.

Diferente polo contido e polo alcance, o Proceso Adiante arranca en abril coa celebración de máis dun cento de encontros abertos por todo o país e a posta a disposición da web www.adiante.gal para que calquera persoa poda realizar aportacións. “Será un exemplo de transparencia no que todas as conclusións, documentación e resultados de votacións van estar dispoñibles neste portal para a súa libre consulta”, explicou Cela.

No acto de presentación, a portavoz nacional explicou que coa denominación de Proceso Adiante se pretende simbolizar que “hai futuro” e que o BNG “é a alternativa” fronte ao centralismo e as políticas tóxicas da dereita que deixan un balance de desastre en termos de desemprego, precariedade laboral, emigración da xente nova, pobreza e desigualdade social.

Cronograma

Tras a fase inicial de diagnose ao longo do vindeiro mes, o cronograma do Proceso Adiante segue cunha actualización da radiografía de Galiza tras oito anos de crise, e a reformulación da estratexia do Bloque como ferramenta política, para finalizar o proceso de refundación establecendo cal debe ser o modelo organizativo e de participación.

“Queremos dar cabida a todas as persoas que se sintan nacionalistas ou crean que Galiza precisa forzas políticas propias para plantar cara aos desafíos que temos e superar a crise na que levamos moito tempo”, explicaba Pontón.

Ana Pontón e unha representación da executiva nacional na presentación do Proceso Adiante

O Proceso Adiante ten unha formulación “flexible” en función da data final das eleccións galegas e dunha previsible repetición das eleccións xerais, e xa traballa no calendario para a elaboración de programa e conformación de candidaturas coa perspectiva de “fortalecer un proxecto nacionalista máis necesario ca nunca para ser antídoto ás políticas centralistas que tanto dano teñen causado”.

Sumar e acumular forzas

De cara aos comicios galegos, Pontón reiterou a vontade do Bloque de “sumar e acumular forzas” para conformar unha candidatura nacionalista que sexa clave na derrota do PP.

“Non nos vemos con forzas políticas que cando lle preguntan aos seus representantes por que Galiza non aparece nas súas propostas de goberno responde que tampouco está Extremadura ou Castela-La Mancha. Para nós Galiza non é un anexo”, alegou, “precisamos forzas políticas propias que den respostas desde aquí aos problemas dos galegos e galegas”, concluíu, “e queremos volver ilusionar a todas as persoas que nalgún momento confiaron no BNG”.

Na rolda de prensa de presentación do Proceso Adiante, Ana Pontón estivo acompañada dunha representación da nova executiva nacional, en concreto por Rubén Cela, Montse Prado, Noa Presas, Bieito Lobeira, Olaia Ledo e Xosé Manuel Marcote.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG