O BNG arranca a preparación das eleccións locais cunha xornada de traballo con cargos municipais

300 concelleiros e concelleiras participan nun encontro para empezar a perfilar a estratexia e abordar a comunicación do discurso político

O BNG arranca a preparación das eleccións locais cunha xornada de traballo con cargos municipais

O BNG arranca a preparación das eleccións municipais cunha xornada de traballo que reunirá en Santiago a 300 concelleiros e concelleiras para empezar a poñer en común a estratexia a desenvolver de cara aos comicios locais e abordar a transmisión pública do discurso político, partindo da posta en valor dos gobernos municipais nacionalistas.

A xornada contará coa participación e intervención da portavoz nacional, Ana Pontón, e coas aportacións do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Cesar Mosquera, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do secretario de Comunicación, Xavier Campos.

Este cumio de concelleiros e concelleiras prodúcese despois de que o Consello Nacional aprobase na súa reunión do pasado sábado o regulamento para a elaboración das candidaturas por parte da militancia a través das asembleas locais, e dese luz verde tamén á elaboración dos programas, con propostas específicas para as grandes cidades.

O BNG enfronta os comicios locais con optimismo e desde o aval dos proxectos sólidos e de éxito desenvolvidos polos concellos nacionalistas que teñen demostrado a capacidade de transformación en beneficio da maioría social, convertidos en referentes de políticas de benestar, de calidade de vida, rexeneración urbana e de dinamismo económico e social.

Neste sentido, os concellos BNG son “marca de calidade”, en definición da portavoz nacional, e os seus gobernos municipais demostran que teñen alternativas a cuestións como a mobilidade nas urbes, para o comercio de proximidade, para abaratar o recibo da luz, coidar o patrimonio, promover a lingua e a cultura do país, para facer unha xestión ambiental sostible e capaces de construír modelos urbanos de proxección internacional.

As eleccións municipais serán prioridade do BNG que afronta estes comicios como unha oportunidade para avanzar na representación en todo o país, coa ollada posta nas grandes cidades, e desde a perspectiva de que estes comicios lsexan o primeiro paso para abrir un “tempo novo” en Galiza. O cumio de concelleiros e concelleiras arrancará as 11.00 horas no Hotel Castro en Santiago de Compostela.

 

O BNG arranca a preparación das eleccións locais cunha xornada de traballo con cargos municipais