Galegas 2020

O BNG aposta por desenvolver un modelo deportivo galego con valores de igualdade, solidariedade e traballo en equipo

Encontro EFF
Encontro EFF

Noa Presas: “Non están a recibir axudas directas por parte da Xunta de Galiza sendo das poucas comunidades en non facelo”

A formación nacionalista visita a EFF Rosalía e cualifican como “representante dos valores que defende o BNG para Ourense e o país”

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, visitou a sede da EFF Rosalía acompañada do voceiro municipal, Luis Seara. Desde a formación nacionalista comprometéronse a iimpulsar a igualdade na actividade deportiva rexeitando a visión androcéntrica e apoiando desde a administración galega a visibilización das deportistas profesionais e activar a presenza das mulleres no ámbito do deporte. Asemade, criticaron a ineficacia da Xunta nos tempos de coronavirus por ser das poucas comunidades que non ofreceu axudas aos autónomos.

A equipa de Rosalía constituíse como a primeira escola de fútbol feminino en Ourense. Cen por cen ourensá que amosa o seu compromiso diariamente para co deporte feminino. Durante a xuntanza, a cabeza de lista estivo acompañada do presidente do EFF Rosalía, Mario Gómez Calviño, o candidato Xosé Manuel Fírvida e o voceiro municipal do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara. “Esta escola é un exemplo a favor do empoderamento femininino e das mulleres máis novas deste país pero tamén de compromiso social “ destacou Presas durante a xuntanza enumerando as diversas colaboracións que a equipa ten levado a cabo co tecido asociativo ourensá.

“Representan os valores de futuro que quere o BNG para Ourense e para todo o país: a aposta pola igualdade, a solidariedade e traballo en equipo” reafirmou a cabeza de lista polo BNG sinalando que o deporte é un dos ámbitos onde iniciativas coma este club xunto con nomes que fan historia como Vero Boquete son cada vez máis “un estímulo para a incorporación das novas xeracións”. Desde a formación nacionalista teñen claro que a partir do 12X teñen que comprometerse con impulsar a igualdade tamén na acción deportiva e facilitar a participación das mulleres e a súa incorporación á práctica e tamén á competición deportiva.

O BNG comprometeuse na reunión a desenvolver un modelo deportivo galego que teña en conta tanto a súa vertente educativa, de promoción do deporte de base e da actividade física saudábel, como no ámbito competitivo. “A Xunta de Galiza ten que garantir o apoio económico, apoio institucional estábel” reforzou Presas.

Axudas directas para as e os autónomos do país

Presas tamén lembrou que durante a crise da covid a meirande parte das profesionais do deporte non puideron desenvolver o seu traballo diario. Hai moitas persoas que o están pasando mal porque no deporte, son moitas as persoas autónomas. “Non están a recibir axuda directa por parte da Xunta de Galiza” sendo unha das poucas comunidades que quedan en todo o Estado sen arbitrar ningún tipo de axudas nese sentido.

A candidata do BNG lanzoulle unha mensaxe ao presidente da Deputación de Ourense, convidándoo a falar co candidato do seu partido á presidencia da Xunta a que lembre que hai moitas persoas que continúan esperando por esta cuestión. “Desde o BNG insistimos na nosa proposta de que ten que haber axudas directas de alo menos 2.000 euros para os autónomos e autónomas deste país para que poidan superar este momento do coronavirus” concluíu Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG