BNG apoiará no Congreso as cooperativas agrarias

Visita Feiraco
Visita Feiraco
Néstor Rego visita CLUN (unión de tres cooperativas galegas- Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto) e destaca que se trata dun “exemplo de posta en valor do sector primario que aposta polo fechamento do ciclo produtivo no noso país”

O deputado do BNG, Néstor Rego, visitou as instalacións de Cooperativas Lácteas Unidas, CLUN, no Concello de Ames acompañado do voceiro municipal do BNG e tenente de alcalde, David Santomil, e o responsábel local en Negreira, José Ramón Blanco. Rego destacou a labor realizada pola cooperativa nestes anos e comprometeuse a garantir que a nova Lei da Cadea Alimentar non prexudique os intereses das cooperativas e das e dos cooperativistas.

Durante a visita, o deputado nacionalista mantivo un encontro co presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, e membros da directiva. Este clúster lácteo foi fundado en 2017 a raíz da unión de tres cooperativas galegas- Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto- e conta con máis de 500 traballadores. Na reunión Rego mostrou o seu recoñecemento pola labor que están a desenvolver na cooperativa e a posta en valor do sector primario e, en concreto, do sector lácteo. 

Visita Feiraco“Apostar pola modernización e a innovación é unha das cuestións que vimos defendendo no BNG para que o sector agrogandeiro poida ser un motor de desenvolvemento económico e pór fin ao abandono de terras e do medio rural” apuntou Rego durante a xuntanza pondo como exemplo a cooperativa CLUN. “Impulsar un modelo de aproveitamento que sexa sostíbel, que permita manter as pequenas explotacións e cooperativas e apostar por liñas de calidade son medidas cada vez máis demandadas no mercado” sinalou o deputado nacionalista.

Inclusive, e volvendo ao exemplo de CLUN, Néstor Rego puxo en valor a aposta polo fechamento do ciclo produtivo no propio territorio “que permite aproveitar todas as potencialidades do noso País para xerar riqueza e emprego no territorio”. Así mesmo, o deputado nacionalista púxose a disposición da Cooperativa como xa fixo nos Orzamentos Xerais do Estado apoiando unha emenda para que as bebidas lácteas non tivesen unha suba do IVE como as bebidas azucrada.

Protexer as cooperativas na Lei de Cadea Alimentaria

Alén do máis, o deputado nacionalista comprometeuse a presentar emendas ao Proxecto de Lei da Cadea Alimentar para protexer os intereses das cooperativas. “Ese primeiro paso de venda entre os produtores e a industria de transformación non se pode aplicar á venda que fan os e as cooperativistas ás cooperativas xa que é un caso diferente e, nese sentido, as relacións internas deben quedar exceptuadas”, explicou Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG