O BNG apoia á veciñanza de Culleredo que pide un enlace alternativo á AP-9-Alvedro-3ª Ronda con menos impacto

Luís Bará
Luís Bará

Bará: “Somos David contra Goliat pero daremos a batalla legal, política e social para evitar un dispendio de cartos e un impacto brutal na zona”

O BNG vai dar a batalla para evitar que se realice o coñecido como Víal 18, proxecto de ampliación da AP-9 para enlazar co aeroporto de Alvedro e a terceira ronda ao seu paso polo Concello de Culleredo, que suporía un custe de 30 M€ e, sobre todo, tería un impacto brutal en termos sociais, urbanísticos e de mobilidade para a poboación dunha contorna densamente poboada.

Despois de que o Concello de Culleredo apoiase una iniciativa do BNG para pedir a Xunta e ao Ministerio de Fomento un estudo de alternativas para esa ampliación e conexións, o portavoz de infraestruturas, Luís Bará, defendeu no Parlamento unha proposta na mesma dirección, que non prosperou polo veto do PP.

En todo caso, a formación nacionalista avanza que non da este asunto por pechado e que pelexará en todos os ámbitos ao lado da veciñanza para evitar o que deputado cualificou de “desfeita” en termos sociais, urbanísticos e económicos.

“Imos dar esta batalla, que é unha batalla de David contra Goliat, porque a xente afectada e o BNG van dar a batalla, que é social, legal, institucional e política para evitar por un lado unha actuación que supón un dispendio de fondos públicos, pero tamén a desfeita e o impacto brutal que tería facer esta obra”, salientou Bará.

A iniciativa parlamentaria pretendía dar continuidade ao xa aprobado polo pleno municipal de Culleredo a instancias do Bloque, e instar tanto a Xunta como ao Ministerio de Fomento a realizar un estudo “serio” de alternativas para a conexión entre a AP9, o aeroporto de Alvedro e AC-14, “atendendo a criterios de menor custe económico e menor impacto na contorna, tanto ambiental, social como da calidade urbana e na mobilidade”.

Con esta proposta Bará defendeu na Comisión parlamentaria de Infraestruturas,  o BNG quería expresar que está “do lado do sentido común, do lado do aforro de recursos públicos, do lado da veciñanza e preguntámoslle ao PP de que lado está”, sintetizou o portavoz de infraestruturas.

O deputado nacionalista salientou que empeñarse na alternativa máis custosa para a Administración pública e para a veciñanza só pode entenderse en base “a  manobras orquestrais na escuridade”, ironizou, tras explicar que a alternativa do Vial18 só beneficia a AUDASA, xa que a ampliación lle permitiría ter máis vehículos dos que obter beneficio a través da peaxe na sombra.

Lembrou na súa intervención que xa existe unha proposta alternativa dentro do Plan Move da Xunta que data de 2010, na que se propón unha conexión entre a AP9 e Alvedro cunha lonxitude de 0.5 Km e un investimento de 2.2 M€.Fronte a esta alternativa o Vial 18 ten unha previsión de investimento superior aos  30M€.

Diferencia abismal

A abismal diferencia de custe non é a única vantaxe pois a conexión desde a área de servizo de Almeiras permitiría crear un novo acceso desde a AP9 ao centro do Burgo, e en consecuencia a toda a zona urbana de Culleredo, permitiría construír un acceso directo ao aeroporto, podería empregarse como circunvalación para os vehículos que circulan pola AC213 e a N550 e dirixirse á cidade e á autoestrada sen pasar polo centro urbano de Culleredo.

En todo caso, ao igual que xa fixo no Concello de Culleredo, o BNG reclamou na Cámara solicitar do Goberno galego e de Fomento un estudo serio de alternativas ao Vial 18, na que a recollida no Plan Move podería ser unha delas. O PP votou en contra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG