BNG apoia en solitario no Parlamento a iniciativa popular para impulsar unha lei galega de saúde mental

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado apela á urxencia de dotar de recursos e profesionais a atención na sanidade pública dun problema agrandado pola pandemia

BNG foi a única forza política que apoiou no Parlamento galego a toma en consideración da iniciativa popular para impulsar unha lei galega de saúde mental, fronte ao veto do PP e a abstención do PSOE a unha proposta lexislativa avalada por máis de 17.500 galegos e galegas.

Así pois, e logo de agradecer o esforzo realizado polos e polas impulsoras desta iniciativa popular, a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, explicou que o voto favorable do Bloque estaría encamiñado a mellorar a proposta na súa eventual tramitación, co obxectivo de dotar a atención á saúde mental dos recursos orzamentarios e de profesionais que precisa para asegurar que “estea plenamente inserida nunha atención sanitaria pública de calidade” e garantir os dereitos das e dos doentes no referido, por exemplo, a eliminación inmediata da contención mecánica, “inaceptable en pleno século XXI”.

Prado acusou ao Executivo de Núñez Feixóo da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental, cun déficit evidente de recursos e económicos e humanos, pese ao incremento continuado nos últimos anos da prevalencia das doenzas de saúde mental, agravada coa pandemia. Neste sentido, recordou que Galiza lidera as estatísticas estatais de mortes por suicidio e que 1 de cada  5 galegos e galegas presenta un problema de saúde mental ao longo da súa vida.

“O 30% das consultas de Atención Primaria xa están relacionadas coa saúde mental”, recalcou, para censurar a continuación que, fronte a esta situación, as últimas listas de espera publicadas pola Xunta en xuño de 2021 reflicten que máis de 7.000 persoas agardan por unha primeira consulta de psiquiatría e as e os profesionais contemplados polo plan de saúde mental do PP actualmente en vigor “non chegarían nin á metade do que o propio Sergas consideraba necesario hai xa 25 anos”.

A deputada nacionalista tamén recordou que, pese á preocupante evolución da saúde mental no País, houbo que esperar ata 2017 para que o Goberno galego publicara un Plan de Prevención do Suicidio e ata 2020 para facer o propio co denominado Plan de Atención á Saúde Mental 2020-2024, instrumentos planificadores que, segundo reprochou, “non dan pasado do papel á realidade”. “Un plan de saúde mental teoricamente dotado con 83 millóns mais que nos orzamentos anuais, exercicio tras exercicio, non se concreta esta cantidade; esquécense de ir poñendo as partidas orzamentarias necesarias”, reprobou con severidade.

Deste xeito, Prado manifestou a coincidencia do BNG co diagnóstico realizado na iniciativa popular e concluíu considerando inaceptable que o Executivo do PP non só non recoñeza que hai “un gravísimo problema”, senón que o “estea a botar ao lombo das familias, fundamentalmente das mulleres, que son as que se fan cargo das situacións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG