Parlamento Galego

O BNG apoia as reivindicacións dos e das profesionais de “Defende a Galega”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Este colectivo de profesionais da CRTVG acumula 84 venres negros e 588 días de mobilización permanente por uns medios públicos e plurais

Olalla Rodil critica o desleixo do director xeral da CRTVG ante as demandas dos e das profesionais para que se  cumpra a Lei na radio e Televisións públicas de Galiza

A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao Director xeral da CRTVG sobre o prazo previsto pola Corporación Radio e Televisión de Galicia para a aprobación do Estatuto profesional e a creación do Consello de Informativos marcados pola lei dos medios públicos.

Na súa intervención, a nacionalista destacou que, hoxe os profesionais da CRTVG levan 84 Venres Negros e  588 días de mobilización permanente cun obxectivo moi claro: “Garantir o servizo público na Corporación da RTV de Galiza”.

Máis de 500 días, afirmou a deputada,  na defensa de  medios públicos, do cumprimento da misión de servizo público e dos principios que deben rexer a radio e televisión públicas de Galiza. Máis de 500 días de mobilización exixindo  respecto aos principios de pluralidade e diversidade política e ideolóxica pero tamén  social e cultural. Por unha información veraz, plural e obxectiva. “Máis de 500 días pedindo algo tan revolucionario como o cumprimento da lei”, ironizou.

Para a nacionalista é “unha lei incumprida de maneira obscena e intencionada, de mala fe, durante 8 anos pola Xunta e a dirección da CRTVG”. E un incumprimento especialmente no referido aos órganos de control externo, como a creación da Autoridade Audiovisual, órganos de participación das e dos profesionais, ademáis da aprobación do Estatuto profesional e o Consello de informativos.

“Non é casual este incumprimento” e desde o BNG, dixo,  cremos pouco nunha casualidade que incide  na negación dos dereitos das e dos profesionais.

A CRTVG, explicou Rodil,  é unha rara avis na súa contorna. As demais  corporacións públicas, (RTVE, EiTB, TV3), contan desde hai anos con estatutos profesionais aprobados e consellos informativos funcionando. Pero, ademáis, a dirección da CRTVG incumpre as recomendacións dos colexios de xornalistas, a federacións de prensa e  normativa comunitaria que exixen a “garantía e respecto dos dereitos das/os profesionais así como mecanismos que velen pola independencia e  non inxerencia nos medios públicos, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG