O BNG apoia ás mobilizacións do 27 de setembro en defensa da terra e fronte á crise climática

Millo seco
Millo seco
Dada a magnitude e as graves consecuencias que está a ter xa a “emerxencia climática”, o BNG considera necesario enfrontala desde unha tripla dimensión: a global, a galega e a local.
O BNG apoia ás mobilizacións do 27 de setembro en defensa da terra e fronte á crise climática

En primeiro lugar, nunha perspectiva global, cómpre denunciar o interese en poñer o foco de atención nas consecuencias da crise climática (incremento das temperaturas, seca, escaseza de recursos, destrución da biodiversidade, ameazas para a saúde) e non nas súas causas: sistema económico capitalista depredador de recursos, xerador de relacións inxustas e de graves agresións ás persoas, aos pobos e aos ecosistemas... Cómpre polo tanto denunciar as consecuencias da actual fase do capitalismo e explicar a crise climática nese contexto, poñendo en relación as agresións ao medio coas desigualdades económicas e sociais e as opresións nacionais e de clase.

En segundo termo, desde unha perspectiva galega é necesario ter en conta o papel de Galiza na economía estatal e mundial como fornecedora de materias primas, mediante o desenvolvemento de actividades extractivas e depredadoras que teñen altos custos ambientais e escasos beneficios sociais e para o país no seu conxunto. En consecuencia, queremos situar no centro do debate as consecuencias para o clima, para a saúde, para a cohesión social e territorial e para o benestar colectivo das actividades extractivas de sectores como o enerxético, industrial, forestal, megamineiro, a mobilidade, o ciclo da auga, a xeración e xestión dos residuos, os macrocentros comerciais..., denunciado o papel da Xunta como gran fábrica do cambio climático e  defendendo un modelo alternativo que poña o relevo na sustentabilidade, na xustiza social, no equilibrio ambiental e no beneficio colectivo para o noso país.

En terceiro lugar, é necesario considerar como afecta a emerxencia climática no ámbito local e as medidas que poden desenvolver os concellos e deputacións (nas que están á vangarda institucións gobernadas polo BNG), no seu ámbito de competencia, para facerlle fronte a este desafío, mediante a redución da pegada ecolóxica con actuacións no ámbito do urbanismo, a mobilidade, a política forestal, a enerxía, a xestión dos residuos, a xestión do ciclo da auga, a biodiversidade ou a aposta por un desenvolvemento económico máis sustentábel e máis xusto que fomente os recursos propios, as cadeas de valor e a produción-consumo de proximidade. Asemade, debemos denunciar o interese en “despolitizar” e “deslocalizar” o debate sobre a crise do clima. Por un lado promóvese a idea da responsabilidade das persoas na solución dun problema desta magnitude e foméntanse opcións voluntaristas e desideoloxizadas. Por outro,  promóvese a deslocalización dos debates e dos problemas, mediante a xeración de preocupación por situacións de emerxencia afastadas e invisibilización de agresións próximas. 

Unha resposta desde o país e desde o nacionalismo

Cómpre, pois, ter en conta que o debate sobre a emerxencia climática é un terreo cheo de trampas, pragado de declaracións para a galería, de boas intencións e de posturas cosméticas. Todo o mundo se apunta á moda do verde, do sustentábel, da economía circular, mesmo aqueles gobernos e grandes corporacións que traballan xusto no sentido contrario e que son os principais responsábeis da crise do clima. Por iso precisamos menos declaracións e máis actuacións, menos postureo e máis medidas efectivas para cambiar o rumbo dun mundo que vai camiño da catástrofe.

Non é tempo pois de “bágoas de crocodilo” nin de declaracións para a galería. É tempo de actuar, e de facelo con determinación. Cómpre aprobar un plan de acción que vaia ás causas do problema, non que simplemente minimice, atenúe e atrase as súas gravísimas consecuencias. E, ao mesmo tempo, é necesario denunciar o incumprimento sistemático de todos os acordos internacionais sobre o clima.

Temos a obriga e a responsabilidade de dar resposta desde o país e desde o nacionalismo, poñendo en valor as loitas históricas en defensa do territorio (Xove, As Encrovas, Xurelo, Nunca Máis...). Temos que dar respostas e propostas diante do clamor social en relación co clima e coa saúde: a demanda inaprazábel de contornas saudábeis e con futuro, a esixencia de actuacións urxentes e contundentes para poñer freo aos desmáns dun sistema económico que leva ao planeta cara á catástrofe, que anuncia efectos dramáticos para os ecosistemas e para as persoas, e que pon xa en risco, aquí e agora, a vida e a saúde das persoas.