O BNG apoia a mobilización "contra a minaría salvaxe" do 2 de xuño

Para o BNG, os proxectos de megaminería constitúen un espolio dos nosos recursos naturais a mans de empresas privadas que practican un colonialismo moderno

O Bloque Nacionalista Galego quere manifestar o seu máis enérxico apoio á manifestación convocada por diversas plataformas ecoloxistas e veciñais para este domingo, 2 de xuño, ás 12 da mañá desde a Alameda compostelá, contra os proxectos megamineiros en Galiza, baixo o lema “Contra a minaría salvaxe”. Desta maneira, está confirmada a presenza do Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence, encabezando a representación do BNG na que tamén estarán membros da Executiva Nacional do BNG e militantes nacionalistas.

Tal e como defendeu sempre o BNG,  todos proxectos de megaminería constitúen un espolio dos nosos recursos naturais a mans de empresas privadas que practican un colonialismo moderno. O BNG está diametralmente oposto a este tipo de políticas de espoliación de recursos naturais que benefician a multinacionais e para as que estes beneficios unicamente serven para gañar máis e máis diñeiro especulando con eles a base de destruír un territorio. O noso modelo de país pasa polo aproveitamento dos recursos naturais e dos sectores produtivos propios, poñendo en valor aquilo que posuímos e preservando a nosa riqueza natural para as futuras xeracións. Só desde o respecto ao país e a soberanía dos nosos recursos podemos mirar cara o futuro.

Hai que salientar, aínda por riba, que a multitude de proxectos mineiros que están a ser promovidos por empresas transnacionais no noso país contan co apoio do Partido Popular na Xunta de Galiza, que incluso nalgúns casos está promocionando e lexislando ao seu favor, demostrando sen rubor como actúa supeditado ao que ordenen desde Madrid para favorecer os intereses das multinacionais.

O BNG, co seu apoio á mobilización do domingo, manifesta o rexeitamento a todos os proxectos de explotación mineira en tramitación na Galiza mentres o goberno e as institucións non garantan os dereitos da cidadanía a un medio ambiente limpo e a protección dos seus recursos naturais e produtivos. Galiza ten dereito a protexer os seus recursos naturais e produtivos, e debe exercer a soberanía na explotación dos recursos mineiros. Todos e todas temos dereito a un medio saudábel e á protección das nosas actividades produtivas máis sustentábeis.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG