O BNG apoia as manifestacións contra o recorte de áreas sanitarias e o deterioro da atención primaria

Mobilización contra os recortes na sanidade pública
Mobilización contra os recortes na sanidade pública

Están convocadas no Salnés, O Barco, Burela e Monforte para reclamar a retirada da reforma da actual Lei de Saúde

O BNG secunda as manifestacións convocadas por SOS-Sanidade Pública entre os días 29 de setembro e o 8 de outubro, para reclamar a retirada do Proxecto de reforma da Lei de Saúde da Xunta porque implica a supresión de áreas sanitarias, provocará un deterioro da atención primaria e, ademais, continúa o avance cara a progresiva privatización dos servizos sanitarios.

A portavoz parlamentaria de Saúde, Montse Prado, acudirá a protesta convocada no Salnés para mañá, unha das comarcas que perdería a súa área sanitaria, e tamén están previstas manifestación no Barco, Burela e Monforte. A deputada nacionalista explica que o Bloque esixe a retirada da reforma “porque significa darlle categoría legal a folla de ruta marcada polo PP para facer negocio coa sanidade”.

A Lei de saúde en vigor, sinala Prado, “establece que a prestación de servizos sanitarios e a delimitación das áreas será tendo en conta as necesidades sanitarias da poboación, pero o anteproxecto establece que se fará tendo en conta os recursos sanitarios existentes”, unha modificación substancial que o BNG considera “inaceptable”. Recortar servizos sanitarios pasará a ser legal se sae adiante a modificación.

O Bloque advirte que a atención primaria sae especialmente prexudicada neste anteproxecto de modificación, “cando debería ser todo o contrario, posto que a atención primaria precisa mellorar a súa calidade con dotación de persoal, recursos e un correcto financiamento da carteira de servizos”, salientou Prado. Por contra, coa modificación que pretende aprobar o PP “a situación vai agravarse porque a atención primaria pasa a ser mero apéndice dos grandes hospitais”.

Para o BNG hai que manter todas as áreas sanitarias en funcionamento e, lonxe de suprimir ningunha, deberían crearse as de Verín, Barbanza e Cee. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG