O BNG apoia a manifestación para defender o monte e contra a privatización do monte en man común

O BNG amosa o seu apoio a  manifestación convocada baixo o lema Por un plano forestal para un medio rural vivo convocada polas diferentes organizacións sindicais agrarias e a Organización galega de comunidades de montes  contra a privatización do monte en man común, que terá lugar o vindeiro domingo 22 de abril, en Santiago de Compostela.

O BNG fai un chamamento a participar na manifestación, que partirá da Estación de Tren de Santiago de Compostela, ás 12 horas  pola  defensa dunha política  do monte que aposte  por  un monte limpo, vivo e multifuncional, e  cun  aproveitamento integral porque o monte é algo máis que madeira, xera riqueza, emprego e revitaliza o medio rural.

Entre as medias para unha nova política do monte, o  BNG propón  frear a expansión do eucalipto recuperando as  35.000 hectáreas ilegais desta especie plantadas en terras agrarias, dotación orzamentaria para, en colaboración cos concellos, garantir o cumprimento das franxas de seguridade con infraestruturas e vivendas para preservar  a seguridade das persoas, sobre todo naquelas zonas  de alto risco de incendios.

Ademais, o BNG reclama aprobar o PLADIGA no primeiro trimestre do ano, mudar o dispositivo de loita contra os lumes apostando pola  profesionalización e  un mando único así como dotar  aos concellos dun teléfono exclusivo no que  alcaldes e alcaldesas reciban atención inmediata ante unha emerxencia.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG