O BNG apoia a frota do xeito e pide a reapertura inmediata da pesquería da sardiña

Encontro dos grupos do Parlamento co Xeito
Encontro dos grupos do Parlamento co Xeito

Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, porto de referencia para o xeito: “É o peor momento para pechar, como se a unha xoguetería lle impiden vender no Nadal”

O sector do xeito pide a reapertura inmediata da pesquería da sardiña pechada sen ningún tipo de xustificación porque se trata dunha arte de pesca artesanal que non ten impacto ambiental, alega a frota, e denuncian que o peche decretado polo Goberno central coincide no peor momento posible da campaña de captura de xouba e sardiña.

Así o explicou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, -un dos concellos de maior frota do xeito-, tras o encontro celebrado hoxe no Parlamento con BNG e co resto dos grupos da oposición.

“É un momento clave porque se pesca en fresco e se da o tamaño axeitado da xouba para abastecer ás conserveiras, senón a campaña queda arruinada”, declarou, tras pedir “que se anule a prohibición”. “Pedimos a reapertura inmediata para salvar esta campaña, porque imaxinen xogueterías ás que se lles prohibe vender xoguetes en pleno Nadal, pois aquí pásanos algo semellante, é o momento clave para o xeito, para a xouba e para a sardiña”, indicou Muíños.

Pero ademais desta petición unánime e inmediata o sector, indicou o alcalde de Rianxo, reclama unha solución de futuro e permanente, que pasa por excluír á frota do xeito do sistema de cotas, dado o carácter sustentable desta pesca artesanal.

“Precisamos dunha vez por todas que este o sector quede excluído do sistema de cotas porque é insignificante o que pescan os 400 barcos do xeito en comparación co que pesca un só barco de calquera outra arte. Nun só día unha embarcación con outra arte pode pescar o que toda a frota do xeito nun ano”, recalca.

Igualmente, axudas para o sector mentres a pesquería estea pechada e que a Xunta exerza as competencias previstas no Estatuto en materia de augas internas, “que as goberne a Xunta  e que as decisións se tomen desde aquí e desde o consenso”.

A situación é especialmente grave na Ría de Vigo porque ao peche da pesquería súmase a cuestión da toxina que deixa a moitos barcos sen alternativa. “Por iso pedimos unha liña de axudas para compensar polo prexuízo do peche e mentres o xeito non poda volver pescar. Son reivindicacións moi xustas que deben chegar aos ouvidos de quen ten que tomar as decisións, porque non hai nada que xustifique este peche”, concluíu.

Pola súa parte, a portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado, trasladou todo o apoio da formación nacionalista ao sector e lembrou que o Bloque vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias, nas que subliña tamén o carácter artesanal da frota de 427 embarcacións do xeito e dunha ducia de racús, cuxas artes minimizan o impacto ambiental e se caracterizan polo seu carácter de pesca sustentable.

Prado criticou a inacción política da Xunta pese a ter competencias exclusivas sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, tal e como establece o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e, en consecuencia, pode regular sen inxerencias a pesca artesanal como é o caso do xeito. E sumouse á petición de abrir unha liña de axudas para garantir as rendas dos tripulantes afectados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG