O BNG apoia as demandas do persoal de transportes de SOGAMA

Montse Prado acusa ao Presidente de Sogama de defender á empresa de transporte de residuos,  a pesar das graves denuncias por delito de estafa, delito  contra o medio ambiente e saúde pública, formuladas polos traballadores

O BNG apoia as demandas do persoal de transportes de SOGAMA

Tras a comparecencia do Presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), Javier Domínguez Lino para informar do transporte de residuos do complexo medioambiental de Cerceda e a folga dos traballadores da empresa de Transportes Pacholo, a deputada do BNG, Montse  Prado trasladou o seu apoio e o do BNG ás demandas dos traballadores e traballadoras concentrados nas inmediacións do Parlamento galego coincidindo coa intervención en comisión do titular de SOGAMA.

A parlamentaria nacionalista  lembrou que o colectivo de traballadores en folga rexistraron no mes de abril unha solicitude para reunirse coa dirección de SOGAMA e abordar o conflito e a propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón remitiu unha carta  ao Presidente da sociedade nesta mesma liña no mes de maio, pero a convocatoria para esa reunión, afirmou Prado “a día de hoxe non tivo lugar”. A nacionalista criticou que Sogama decline reunirse cos traballadores e ao tempo manteña  xuntanzas coa parte empresarial dneunciada.

Os traballadores e traballadoras do transporte de SOGAMA, explicou, denunciaron “graves deficiencias” e acusacións de “delito de estafa, delito contra o medio ambiente, contra a saúde pública e contra a seguridade vial”. Prado tamén aludiu á falta de medias de prevención de vertidos lixiviados,  e ausencia de instalacións nos centros de traballo para seu tratamento o que provoca “contaminación dos cauces e terreos do territorio galego”.

A parlamentaria tamén trasladou a denuncia dos traballadores sobre a sobrecarga dos camións en máis dun 20% que “aumenta os beneficios das empresas” pero tamén o risco de accidentes polo que estaríamos, dixo ante “delitos de estafa e contra a seguridade vial”.

Prado reiterou que o conflito laboral  “non é exclusivamente económico”, está centrado na prestación do servizo da subcontratada “Transportes Pacholo S.L”, subcontratación que ten  como obxectivo abaratar  os custes na protección individual e colectiva, circunstancias, que na súa opinión, afectan ás condicións  medioambientais, saúde laboral e pública. Todas estas deficiencias e o despido de oito traballadores desencadearon unha  convocatoria de folga indefinida. 

Vostedes, dixo a deputada “cargan contra os traballadores que denuncian  pero os  cartos públicos  que pagan este servizo, non poden pagar a explotación laboral e o acoso”, polo que pediu ao Presidente de SOGAMA que poña en práctica o diálogo ao que se referiu na súa intervención e escoite as demandas dos traballadores. Unha empresa pública, recalcou Prado,  “non pode poñerse de perfil”, rectifique e non  sega ao lado da empresa porque estamos ante denuncias moi graves, concluíu.