BNG anuncia emenda nos OXE para baixar o IVE a 10% nos salóns de peiteado, barberías e estética

Reunión salóns de peiteado
Reunión salóns de peiteado

Rego: “Non é admisíbel que este sector continúe a ter o tipo máis alto do imposto”

Carmela González sinala que serviría de axuda directa e permitiría manter abertos moitos negocios que fecharían pola crise

Os deputados do Parlamento e o Congreso mantén unha xuntanza con representantes do sector da barbería, estética e os salóns de peiteado

O deputado do BNG Congreso, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento de Galiza, Carmela González, reúnense con representantes da Plataforma “CREER EN NOSOTROS” na Galiza, Ángeles Salgueiro e Agustín Raña, e anuncia que volverá presentar unha emenda nos OXE de 2022 para a baixada do IVE nos salóns de beleza. A formación nacionalista reclama reducir a 10% e afea o cambio de posición de PP e PSOE segundo gobernen ou non. Así mesmo, os deputados explican que a proposta vese arroupada porque en pleno confinamento, esta actividade considerábase unha actividade esencial e seguiron abertas para dar un servizo público.

A iniciativa xa fora presentada en anteriores ocasións pola deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, despois de que o PP subise o IVE de 8% a 21% en 2012. Unha loita que continuou até a actualidade con iniciativas presentadas tamén no Parlamento de Galiza e no Congreso. Mesmo o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou nos pasados Orzamentos Xerais do Estado unha emenda para baixar o IVE a 10% no sector dos salóns de peiteado, barbarías e estética que lamentabelmente non saíu adiante.

“O sector está a pagar neste momento as consecuencias dunha decisión inxusta e o cambio de posición de PP e PSOE segundo gobernasen ou non” explica o deputado do BNG no Congreso. En 2012, este sector tivo que facer fronte a un incremento de 13 puntos o que supuxo que o sector decidise non subir os prezos ante unha posíbel baixada do consumo. “Non é admisíbel que este sector continúe a ter o tipo máis alto do imposto” denuncia Rego.

De facto, durante o confinamento este sector mantívose aberto por considerar a súa actividade como esencial e prestaron un servizo público. Rego lembra que o Goberno do Estado está presidido polo PSOE, partido que apoiaba a baixada do IVE cando se atopaba na oposición, polo que entende que, desta volta, “terá que apoiar a emenda que presentaremos nos OXE para a baixada do IVE”.

“As perruqueiras e perruqueiros están a cumprir cunha imporante función social, pois, ademais da estética, tamén se encargan de atender as necesidades de moitas persoas dependentes e mesmo de avanzada idade que precisan asear o seu pelo. Non é vaidade, é hixiene” destaca o deputado nacionalista. “É de xustiza que, agora, en plena crise xerada pola COVID e despois de moitos anos aguantando, o Goberno do Estado leve a cabo as actuacións necesarias para axudar ao sector” enfatiza.

De non facelo, moitas traballadoras e traballadores dos salóns de peiteado, barberías e estética, terán que fechar os seus negocios ou mesmo pasar á economía somerxida a través do servizo a domicilio.

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galiza, Carmela González, lembra que existen diversas iniciativas aprobadas na cámara galega instando o Goberno do Estado a baixar o IVE do sector. Segundo explicou, esta redución impositiva non repercutiría na recadación na medida en que serviría como “axuda directa” e permitiría manter os negocios abertos que, doutro xeito, veríanse obrigados a fechar “como pasou na anterior crise”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG