Congreso

O BNG anuncia que en 15 días será a primeira reunión da comisión de seguimento do acordo co PSOE

Ana Pontón e Néstor Rego
Ana Pontón e Néstor Rego

Para Pontón o acordo “é a mellor noticia para Galiza nos últimos dez anos” e para Rego “motivo de orgullo para o Bloque pero tamén unha alegría para moitos galegos e galegas”

Piden a Feixóo que supere o “modo berrinche” e traballe polo país. “Leva tanto sen exercer como presidente que se lle esqueceu”, lamenta Pontón

Tras décadas de subidas de gobernos do PP e do PSOE, vai haber rebaixas significativas nas peaxes da AP9 para particulares e profesionais

O BNG quere empezar a traballar de inmediato na materialización do acordo negociado co PSOE e, neste sentido, avanzou que en 15 días está prevista a celebración da primeira reunión da comisión de seguimento do pacto, en particular para establecer un calendario de execución.

Un acordo que,  en palabras do deputado Nestor Rego, “marca un antes e un despois”.  “Mudou o papel de Galiza no Estado, agora está, conta, os seus problemas forman parte do debate e as solucións están sobre a mesa. Conseguimos desbloquear cuestións claves para o país, o que non logrou Feixóo en dez anos de Goberno pola súa posición de submisión antes e de confrontación agora”, explicou.

Rego subliñou que nun escenario sen maiorías un deputado “con votade política” é capaz de “condicionar” a acción do Goberno central a favor de Galiza, fronte ao 22 deputados e deputadas que na pasada lexislatura “só fixeron o que lles dicía a súa dirección estatal”. “Estamos ante un acordo que é motivo de orgullo para o BNG pero tamén unha satisfacción e unha alegría para moitos galegos e galegas”, recalcou.

Unha valoración que ratificou a portavoz nacional, Ana Pontón. “O acordo é a mellor noticia para Galiza nos últimos dez anos, o digo desde a humildade pero con orgullo”, proclamou, “demostra a utilidade de ter forzas políticas propias para aportar solucións a cuestións claves para o país que levaban anos sen resposta, nin por parte dos Gobernos do PP nin do PSOE”.

Pontón citou como exemplo o “punto de inflexión” que supón o acordo en relación á AP-9: “pasamos de anos de subidas das peaxes tanto co PP como co PSOE a un novo escenario no que vai haber rebaixas significativas nas tarifas, un abaratamento que vai ser moi importante tanto para os particulares como para os profesionais como os transportistas. Utilizamos o escano do BNG para dar solucións nun tema tan sentido polos galegos e as galegas e é só o principio”, recalcou.

Co acordo, Galiza “emerxe con forza como país no debate do Estado” e deixa en evidencia a incompetencia política do xefe do Executivo que explica a súa reacción airada. “Pídolle a Feixóo que supere a súa pataleta, que deixe atrás o modo berrinche e se poña a traballar polos intereses dos e das galegas, porque leva tantos anos sen exercer como presidente do país que lle esqueceu como facelo”, lamentou Pontón.

Mentres que Rego tamén atribuía a súa reacción “de rabia incontida” ao feito de que os logros do Bloque  “retratan un Feixóo que se ve reflectido no espello da súa inoperancia como presidente da Xunta”.

Portavoz nacional e deputado fixeron unha síntese do contido do acordo repasando as cuestións clave en materia de infraestruturas, sector industrial, benestar social e autogoberno.

Desde a importante rebaixa nas peaxes da AP-9, á gratuidade do tramo Redondela-Vigo, a asunción por parte do Estado das subidas imputables á ampliación de Rande, ou a transferencia. Igualmente, a modernización da rede interior ferroviaria, a inclusión de Galiza nos fondos para a descarbonización os convenios de transición xusta para as Pontes e Cerceda sumado ao estatuto das electrointensivas, que permita rebaixar a factura da luz e manter o emprego e a actividade industrial.

En materia social e de igualdade, novos xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense; máis fondos do Estado para a dependencia nun país coa poboación moi envellecida. E tamén moi significativas as medidas recollidas para incrementar o autogoberno, empezando polas competencias pendentes no Estatuto e as solicitadas polo Parlamento galego, -tras unha década de seca de transferencias-, así como manter o status de Galiza ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya, coas que comparte condición de nacionalidades.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG