O BNG alerta dos efectos negativos da mina de cobre de Touro-O Pino sobre a ría de Arousa

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia que os terreos e os cursos de auga da mina drenan cara o río Ulla arrastrando materiais contaminantes que afectará a ría de Arousa

A deputada do BNG, Montse Prado alertou hoxe dos efectos negativos da Mina de cobre dos concellos de Touro e o Pino sobre a ría de Arousa e   formulou unha pregunta á conselleira do Mar, Rosa Quintana ante a reapertura do proxecto de explotación mineira.

A deputada explicou que o obxectivo do  proxecto é seguir explotando os xacementos abandonados no ano 1986 e engadir xacementos colindantes. Trátase dun proxecto, dixo,  de megaminería a ceo aberto que ocupará unha extensión de 679 Hectáreas. Un proxecto,   presentado por unha transnacional  participada por fondos de investimentos e  capital abuitre con un claro interese especulativo, “ sacar moitos beneficios en pouco tempo e furtar impostos”.

Para a deputada, a mina terá uns altos  impactos negativos,  tanto medioambientais, como na saúde e económicos, porque consiste en  furar toneladas de terreo, coller o mineral, tirar o resto, sacar o cobre mediante  proceso químico e levalo fora. 

A súa ubicación en plena conca do río Ulla ten feito saltar as alarmas na ría de Arousa: polo temor as graves consecuencias medioambientais e no tecido socio - produtivo da ría polo que preguntou se esta alarma é xustificada. A  propia deputada  respondeu que si porque para   separar o cobre úsanse compostos químicos con un nivel de toxicidade alto, irritantes, tóxicos, alerxénicos, canceríxenos... un material depositado en  enormes balsas, altamente contaminadas e polo tanto con risco de ser contaminantes.

Ademais,  os terreos e os cursos de auga da mina drenan cara o río Ulla e  a contaminación que xere irá polas augas  abaixo á ría de Arousa. O  río Ulla, remarcou Prado,  é o principal aporte de auga doce á ría desembocando  directamente nos bancos marisqueiros e o  “impacto medioambiental e no sector produtivo, tanto marisqueiro como da pesca pode ser letal”.

Montse Prado preguntou á conselleira do Mar se a Consellería valoraba a posíbel afectación na ría de Arousa trala  reapertura da mina  e se existe algún estudo sobre a posíbeis consecuencias na ría, nos bancos marisqueiros e na pesca.

Finalmente, tamén preguntou se a Consellería do Mar ten previsto atender as demandas de confrarías, asociacións de mexiloeiros, PDR, e concellos afectados polos efectos da mina de cobre. A Sra. conselleira do Mar, vostede dixo ten como prioridade “protexer e preservar os recursos marítimos” inquiriu a nacionalista.

Non se poña de perfil e diga se vai a elaborar un informe negativo do proxecto da mina porque “a xente do mar agarda a súa resposta e o seu compromiso co mar non cunha empresa transnacional depredadora”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG