O BNG agarda que a terceira Lei da AP-9 remate cunha autoestrada galega e libre da estafa das peaxes

Prospera a proposta do Bloque de aprazar a elección de representantes para o debate no Congreso en aras de buscar unha alternativa que evite a súa exclusión sendo impulsor do texto lexislativo

A proposta nacionalista contemplaba tamén o rescate da AP9 sen coste para Galiza,  vetado por PP e PSOE

O BNG valora que, por terceira vez, o Parlamento galego aprobase unha Lei de transferencia da AP9 cuxo texto lexislativo foi presentado pola formación nacionalista,  como xa ocorrera en 2016 coa primeira lei de transferencia referendada pola Cámara galega, e espera quen esta vez non haxa vetos e sexa o primeiro paso para conseguir canto antes unha AP9 galega e libre da estafa das peaxes.

O Bloque foi moi crítico no debate por dúas cuestións. En primeiro lugar porque PP e PSOE podaron a proposición de lei presentada polo grupo nacionalista que incluía non só a transferencia senón tamén o rescate da AP9 sen custe algún para Galiza, tendo en conta que esta infraestrutura clave para o país ten reportado pingües beneficios as arcas estatais.

“2.000 millóns de euros a través de impostos e da privatización, ao que hai que sumar a mesma cantidade que o Estado deixou de investir en Galiza entre 2015-2017 pola baixa execución orzamentaria”, salientou o portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, na defensa da lei. Engadiu tamén como argumentos a favor “o agravio que supón o rescate das radiais madrileñas que a Galiza se lle nega, e a anunciada liberalización das autoestradas construídas na mesma época que a AP9”, pero sobre a estafa a peaxes até o ano 2048.

“Queremos o mesmo trato, nada máis nin nada menos que iso. A transferencia da AP9 sería un paso positivo pero non o punto final, o punto final é o rescate e por iso o BNG defende un texto lexislativo ambicioso e de máximos”, recalcou Bará.

A segunda cuestión que motivou a crítica do Bloque foi a previsión inicial, finalmente corrixida, de consumar a súa exclusión do futuro debate no Congreso para defender a Lei da AP9, pese a tratarse do grupo parlamentario autor da proposición de lei aprobada hoxe no Hórreo. “Se houbese probas de ADN esta lei tería maternidade e paternidade do BNG”, proclamou Bará, quen lembrou o papel protagonista e esencial do Bloque en iniciar a manter o debate político e social sobre a transferencia da AP9.

Elección aprazada

Por esa razón reclamou que se aprazase a elección dos representantes para defender a Lei en Madrid para levar a cabo unha reforma do regulamento da Cámara que podería estar listo en breve prazo de tempo no propio mes de setembro.

“Parécenos unha proposta lóxica, razoable e de xustiza”, subliñou, explicando dúas vías posibles para esa modificación que evitaría a exclusión do BNG. Que o grupo autor dunha lei poda designar a un representante para a súa defensa no Congreso de xeito directo, ou ben que en lugar de ser tres os representantes para defender o texto lexislativo en Madrid, sexan catro, un por cada grupo.

PP e En Marea secundaron a proposta do BNG e a elección quedou aprazada en aras de buscar unha alternativa que evite a exclusión precisamente do grupo propoñente da lei.

De Manolito a Mafalda

Bará puxo en evidencia o papel dos partidos estatais que gobernan desde Madrid “dándolle cobertura a explotación, espolio e roubo dos nosos recursos”. O deputado do Bloque sinalou ao PP como máximo responsable da situación de estafa legalizada que soportan os e as galegas coa AP9, como artífice da privatización da autoestrada, con Feixóo como conselleiro da Xunta.

“O PP di unha cousa aquí é a contraria en Madrid, vota unha cousa no Parlamento galego e a contraria no Congreso, escolleron o papel de Xudas, de traidor, votando no mesmo día a favor en contra da AP9. Non estamos dispostos a permitir a burla ao pobo galego, é unha cuestión de respecto e de lealdade a este país, que non pode ser usado como moeda de cambio”, advertiu Bará.

O deputado nacionalista denunciou o “cambio de papeis” entre PP e PSOE no Estado. “Agora asistimos a un cambio de camiseta, Feixóo antes era Manolito e agora é Mafalda, falta ver a actuación do PSOE desde o Goberno do Estado, pero esperemos que haxa un cambio e un apoio decidido á transferencia”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG