O BNG agarda que as comisións de investigación de sanidade e o Marisquiño sexan eficaces, rápidas e sen vetos

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón pide a comparecencia de Feixóo nas dúas comisións e na do Marisquiño a dos máximos responsables  do concello de Vigo e Autoridade Portuaria, Abel Caballero e Enrique López Veiga

Tras a constitución das comisións de investigación de Sanidade e O Marisquiño hoxe no Parlamento galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón manifestou que o BNG agarda que se desenvolvan de maneira “eficaz, rápida e sen vetos” e que non teñamos que agardar “dous, tres ou catro anos” polas conclusións.

COMISIÓN MARISQUIÑO

A nacionalista explicou que son dúas comisións “baixo moito focos” e  a esperanza de coñecer as causas reais do sinistro do Marisquiño. Temos a responsabilidade, reiterou,  de dar unha resposta ás catrocentas familias afectadas polo accidente. O acontecido en Vigo precisa aclarar responsabilidades pero sobre todo, tomar medidas para que unha situación semellante non se repita.

COMISIÓN SANIDADE

Sobre a comisión de investigación de sanidade asegurou que a gota que fixo desbordar o vaso foi o falecemento dunha persoa no PAC da Estrada por falta de atención médica nun servizo de urxencias. Dende o BNG, consideramos que este é un dos maiores síntomas do deterioro da sanidade pública e temos a obriga de respostar a todos os galegos e galegas e non  só sobre este caso en particular. Temos que  dar respostas a todos eses casos invisibles e vítimas dun sistema público que está sendo privatizado e deteriorado e que pon en risco a vida e saúde das persoas.

As comisións constituídas hoxe no Parlamento galego, dixo, deben “funcionar con rapidez” porque non podemos agardar por respostas dentro de dous, tres ou catro anos. Unha comisión de investigación, recalcou a nacionalista, non pode ser “lenta” porque invalida o seu cometido e vulneraría as regras do xogo democrático.

O BNG PIDE COMISIÓNS DE INVESTIGACIÓN SEN VETOS   

Para a portavoz nacional do BNG, as comisións de investigación non son “un menú á carta” na que unha persoa decide participar ou non, hai “unha obriga democrática para asistir a elas” e nestas dúas comisións deben comparecer “os máximos responsables” dos feitos que se investigan. “Feixóo debe estar nas dúas comisións”, pero dende o BNG reclamamos que tamén comparezan o conselleiro de sanidade, responsables das OXIs, persoas afectadas polas consecuencias dos recortes e darlle voz ao persoal sanitario e ao malestar social.

FEIXÓO, LÓPEZ VEIGA E ABEL CABALLERO DEBEN COMPARECER NA COMISIÓN DO MARISQUIÑO

Na comisión do Marisquiño, avanzou Pontón,  ademais de Feixóo deben comparecer o máximo responsábel do porto de Vigo, Enrique López Veiga e o máximo responsable do concello, Abel Caballero. Estas comisións “non son un ataque”, son a solución a problemas reais da nosa sociedade e deben servir par a ofrecer alternativas e respostas.

É necesario, “endereitar o rumbo do servizo sanitario e non podemos permitir que esta conquista social sexa derrubada polos intereses do Partido popular”. No caso do Marisquiño hai moitas familias pendentes desa comisión e debemos fuxir de “egos e personalismos” e pensar que as persoas do noso país teñe dereito a saber a verdade, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG